Concentración na Xunqueira polo peche da actividade presencial en tres ciclos: "É unha clara maniobra para seguir privatizando a educación pública"

Pontevedra
16 de xuño 2023

Con motivo do peche da actividade presencial en tres ciclos por parte da Consellería de Educación, a comunidade educativa do CIFP A Xunqueira, representantes da CIG Ensino, Erguer Estudantes da Galiza e os edís Demetrio Gómez, Carmen Fouces e Xaquín Moreda, concentráronse este venres diante do centro para manifestar o seu malestar con esta nova situación   

Concentración no CIFP A Xunqueira
Concentración no CIFP A Xunqueira / Mónica Patxot

Con motivo do peche da actividade presencial en tres ciclos por parte da Consellería de Educación, a comunidade educativa do CIFP A Xunqueira, representantes da CIG Ensino, Erguer Estudantes da Galiza e os edís Demetrio Gómez, Carmen Fouces e Xaquín Moreda, concentráronse este venres diante do centro para manifestar o seu malestar con esta nova situación que afecta ao básico de Actividades Domésticas e Limpeza de Edificios e os superiores de Integración social e de Promoción da igualdade de xénero.

O Departamento da especialidade de servizos á comunidade do CIFP A Xunqueira, do que forman parte os tres ciclos, denuncia que a decisión da Consellería supón o peche de seis aulas, dúas por ciclo, e implica que 75 alumnas e alumnos quedarán sen poder continuar cos seus estudos de maneira presencial, pois empezaron primeiro e agora en segundo están obrigados á formación en liña.

"Isto é un deterioro do ensino público e das condicións de traballo do profesorado, pero sobre todo é un ataque ao alumnado, que queda nunhas condicións precarias para a súa ensinanza", critica María Ferreiro, representante da CIG. Por ese motivo piden a dimisión da directora xeral da FP, á que acusan dun "comportamento absolutamente deplorable" ao facer "unha comunicación por correo electrónico aos centros sen pasalo polo Consello de FP, como é costume, e aos organos de negociación que están establecidos". Finalmente si que convocaron ao Consello para o vindeiro luns, iso si, "unha vez que tiñan convocada a oferta".

Neste senso, denuncian que desde a Consellería informaron que os ciclos que comezaron presenciales continuarán do mesmo xeito no segundo curso, pero "despois na práctica non é esa. Aquí temos cursos que comezaron presenciais e despois se cambian a telemáticos". Todo isto supón un "deterioro do ensino público en beneficio do privado e concertado", insiste, "especialmente na FP. Nós temos que loitar por unha FP presencial e de calidade e sobre todo integrada nos servizos públicos".

Ante esta decisión, desde Erguer Estudantes da Galiza, señalan que a decisión da Xunta de pasar a virtual os ciclos é "coa clara intención de extinguirlo o próximo ano. É unha clara maniobra para seguir privatizando a educación pública porque a única solución é irse a privada ou quedarse nunha educación virtual", indica Pablo Abelleira Acebedo, representante da Plataforma, que entende que "é unha discriminación clara cara o estudantado e alumnado e cara as clases populares. É un ataque ao sistema público de educación e estamos aquí para reivindicar que estes ciclos sigan en modalide presencial e non os eliminen de ningún xeito. Son ciclos cunha base social importantísima e son fundamentais para que a sociedade siga avanzando e non poden desaparecer da noite á mañá e dun día para outro".

En representación do profesorado do centro, Brais Rodríguez explica que esta "é a tendencia que está a tomar a Consellería de Educación na privatización e no desgaste do ensino público. Queremos romper a mentira que están a facer con números, dicindo que aumentan a oferta educativa cando son prazas a distancia, sobre todo no eido social. Queremos que non enganen ao alumnado e as familias e que non pechen as aulas" porque "a presencialidade é casi imprescindible para que o ensino público sexa de calidade".

O profesor di que a tendencia que está tomando a FP é de "desgaste da presencialidade e é dobre nos ciclos de Integración social e de Promoción da igualdade de xénero e o castigo está a ser tremendo". Desde a Consellería están pasando á oferta parcial o que supón que "se ti non podes matricularte dun módulo ou suspendes un ano, tardas cinco anos en titular. Claramente hai un sesgo ideolóxico", recoñece.

De feito, critica que "eles manexan moi ben os tempos e o fan a propósito, ás escondidas, tardando, non dando transparencia. A matriculación abre o día 23 e aínda non hai oferta". As cifras de persoas afectadas "son tremendas en toda Galicia e as que eles manexan son enganosas" ademais, a marxe de reacción "é moi curta aínda que eles queren aprobala o vindeiro luns" algo que consideran que é "a curto prazo" porque "o desgaste da FP é a longo e temos que parala en canto poidamos".

O alumnado encóntrase agora mesmo nun limbo e non sabe o que vai suceder co seu futuro. Lucía Arosa, unha das estudantes do ciclo de Igualdade, recoñece que "non sabemos se segundo vai ser presencial aquí. A día de hoxe aparece que primeiro é a distancia e segundo non aparece. Haberá un compromiso verbal, pero ninguén nolo dixo por escrito".

En parecida situación encóntranse Carla Varela, estudante de segundo ano de Actividades Domésticas e Limpeza de Edificios, que aínda que vaise graduar nunhas semanas, "hay compañeros de primer año que si quitan el ciclo a lo mejor no pueden seguir estudiando ni hacer el segundo año aquí"; e Sara García, que afirma que no ciclo de Integración social "facemos dinámicas, debatimos e movémonos moitísimo por Pontevedra", polo que esta educación a distancia "non vai servir de nada".

Neste sentido, as tres están de acordo en que as clases virtuais non son unha opción: "Ya viví eso cuando estábamos en cuarentena, no te centras nada y necesitas un profesor que te lo explique a la cara", reconoce la más pequeña, mientras que la otra, que tiene dos hijas, admite que con elas na casa "non me podo permitir estar nunha habitación cun ordenador, necesito vir e aprender das compañeiras e do profesorado, poder ter un feedback do que estou facendo".

IES LUÍS SEOANE

Outro dos centros afectados en Pontevedra pola decisión da Consellería de Educación de pechar a presencialidade dos ciclos é o IES Luís Seoane, unha medida que "causará un grave prexuízo aos nosos estudantes, ao noso centro e á nosa contorna social", lamentan desde o Claustro de Profesorado.

Indican que foi o propio alumnado o que trasladou "a queixa e incomprensión con esta decisión, sabedor de que se sitúa nunha situación de indefensión ante unha medida arbitraria e discriminatoria que en ningún momento o tivo en conta e que obriga a cursar o seu ensino a distancia".

O profesorado do centro entende a importancia de ter unha educación a distancia ao ser unha "ferramenta importante para garantir o acceso á formación para aquelas persoas que non poden obtela doutra forma", pero iso non xustifica que se deba "substituír completamente a modalidade presencial e, moito menos, converterse na única opción dispoñíble".

"Esta decisión supón incrementar as desigualdes no dereito ao ensino de calidade, diminuír o nivel de competencias profesionais, sociais e persoais do alumnado, e eliminar toda a posibilidade de traballo cooperativo ou por retos dentro da aula, ademais de aumentar o índice de abandono escolar", polo que desde o Luís Seoane expresan o seu "enérxico rexeitamento" e solicitan á Consellería que "reconsidere a súa postura e escoite as voces dos implicados".