Concentración na Peregrina fronte á ameaza da "invasión eólica"

Pontevedra
11 de decembro 2022

Ao acto convocado por colectivos ecoloxistas, con motivo do Día Internacional das Montañas, tamén se sumaban os alcaldes de Pontevedra e de Poio, Miguel Anxo Fernández Lores e Luciano Sobral. Os convocantes alertan da "colonización enerxética" que pon en perigo as montañas e o mar de Galicia

Concentración contra a invasión eólica
Concentración contra a invasión eólica / Cristina Saiz

O 11 de decembro celébrase o Día Internacional das Montañas e por este motivo representantes de oito colectivos ecoloxistas concentrábanse ás 12.00 horas na Praza da Peregrina en Pontevedra ante o chamamento da Coordinadora 'Eólica, Así Non' que alerta da actual invasión eólica.

Ao acto asistían tamén os alcaldes de Pontevedra e de Poio, Miguel Anxo Fernández Lores e Luciano Sobral. 

Estes colectivos alertan da situación na que se atopa Galicia cun proceso de "colonización enerxética" que ameaza con destruír terras, montes e mesmo o mar, mentres que a pobreza enerxética increméntase causando que comarcas enteiras, segundo a coordinadora, corran perigo de desertizarse social e industrialmente.

Denuncian que os megaproxectos eólicos que se queren instalar en Galicia atópanse ao servizo exclusivo do oligopolio eléctrico, sen ter en conta os valores ambientais, paisaxísticos, culturais e socioeconómicos da contorna.

Desde a coordinadora lembran que as montañas ofrecen servizos indispensables para a regulación atmosférica e da paisaxe, ademais de ser reserva do patrimonio cultural e de hábitas naturais. 

Lamentan a actitude de "empresas especuladoras da enerxía" fronte á poboación máis esquecida das zonas rurais e denuncian a conivencia das administracións públicas, Xunta de Galicia e Goberno estatal, mentres as eléctricas triplican beneficios xa que o prezo da luz sofre a súa maior escalada na historia.

Estes colectivos reclaman a mobilización social para frear este modelo de transición enerxética. Afirman tamén que existen alternativas xustas e sostibles que protexen a natureza. Piden que a poboación galega teña a capacidade para decidir sobre o aproveitamento e obter un equilibrio territorial e ambiental, de forma que a enerxía sexa un ben básico ao servizo da cidadanía.

Colectivos da comarca como a Asociación pola Defensa da Ría; Non ao Parque Eólico do Castrove; Vaipolorío; Adega; Federación Ecoloxista Galega; Asociación Cultural O Quilombo; Capitán Osende e Ecoloxistas en Acción Rías Baixas mostraron o seu rexeitamento á política actual de implantanción de parques eólicos e mostraron o seu rexeitamento ao proxecto en Monte Castrove ao berro de "Eólicas si, pero non así!".

Arquivado en