As organizacións sindicais con representación no Centro Penal da Lama (Acaip, CCOO, ATP, CSIF, CIG), expresaron a súa repulsa pola grave agresión sufrida este luns por un funcionario na prisión de Soto del Real.
O empregado público foi apuñalado ata en 4 ocasións cando socorría a un interno desa prisión que finxía atoparse mal para aproveitar o contacto cos funcionarios para consumar a súa agresión. Estes feitos motivaron o ingreso no hospital do funcionario de prisións o cal nestes momentos xa se atopa fóra de perigo.
Os sindicatos aseguran que feitos como os ocorridos en Soto del Real, "non son alleos a outros centros" e poñen en evidencia a "completa neglixencia e irresponsabilidade do Ministerio do Interior por negarse a aplicar a lexislación vixente en busca de solucións ao grave problema das agresións nas prisións españolas".
Por iso, desde as organizacións sindicais con representación no Centro Penal da Lama convocan unha concentración de repulsa e apoio que se realizará este mércores día 20 de marzo ás 12 horas nas portas desta prisión pontevedresa.