Con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Bueu elaborou un calendario de actividades, que era presentado este xoves pola concelleira de Igualdade e Benestar Social, Ana Isabel Otero.
Esta programación comezará o 8 de marzo coa concentración feminista que se iniciará ás 12.00 horas na Praza do Concello. Alí darase lectura á declaración institucional do Concello con motivo desta data.
O 11 de marzo está prevista unha homenaxe que promove o Club Golfiños na que se declarará "Bueuesa Senlleira" a Aurita Reiriz Otero, unha muller que foi fareira da Illa de Ons, ademais dunha das últimas tocadoras de pandeireta do municipio. O acto desenvolverase na Sala Multiusos do Centro Social do Mar.
Destinada ao público infantil, o sábado 12 realizarase unha sesión de teatro ás 18.00 horas no escenario do Centro Social do Mar. Trátase da montaxe 'Conversas con Tana', dirixida a escolares de entre 5 e 12 anos, que ofrece unha conversación reflexiva, combinando humor e sensibilidade, sobre a igualdade de xénero.
Tamén está previsto que nas canles de Youtube do Concello de Bueue nas redes sociais municipais publíquese un novo episodio de 'Cápsulas de Igualdade', un conxunto de audiovisuais de curta duración elaborados cos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.
Neste capítulo, as profesoras de Economía na Universidade de Santiago de Compostela, Eva Aguayo Lorenzo e Nélida Lamelas Castellanos, tratarán conceptos como o "modelo de familia nuclear", o "teito de cristal", o "chan pegañento" ou a "división sexual de traballo", entre outros. A súa proposta céntrase en repensar a economía actual.
Ademais, coa colaboración do Cineclub Bueu, ofreceranse no Centro Social do Mar dúas películas de temática feminista: 'Hive', dirixida por Blerta Basholli, o 12 de marzo ás 20.00 horas; ademais do documental 'O retorno: a vida despois do ISIS', de Alba Sotorra, que se proxectará o 25 de marzo ás 21.00 horas.
Ao longo do mes programaranse diversos talleres sobre igualdade de xénero nos centros educativos,tanto de primaria como de secundaria.
ISABEL PASTORIZA SANTOS
O sábado 26, o Concello organizará na Sala Multiusos do Centro Social do Mar un acto de recoñecemento a Isabel Pastoriza Santos, veciña de Bueu, que recibiu o Premio á Excelencia Investigadora 2021, que outorga a Real Sociedade Española de Química.
Esta docente e investigadora da Universidade de Vigo traballa co seu grupo de investigación en proxectos que analizan o deseño e fabricación de nanomaterias funcionais para o desenvolvemento de sensores ultrasensibles, que se poidan empregar no campo ambiental e na nanomedicina.