Concentración en Montecelo para rexeitar o bombardeo de hospitais en Palestina

Pontevedra
24 de abril 2024

Convocada por CIG-Saúde un grupo de representantes sindicais e persoal sanitario despregaba unha pancarta de apoio ao pobo palestino baixo o berro de "os hospitais de Gaza non son unha ameaza". As concentracións foron convocadas en todos os centros hospitalarios de referencia das áreas sanitarias de Galicia

Representantes de CIG-Saúde coreaban "Bombardear un hospital é un acto criminal"
Representantes de CIG-Saúde coreaban "Bombardear un hospital é un acto criminal" / Mónica Patxot

Un grupo de representantes sindicais da CIG e persoal sanitario despregaba unha pancarta de apoio co pobo palestino este mércores 24 ás 11.30 horas na entrada do Hospital Montecelo baixo o berro de "os hospitais de Gaza non son unha ameaza". 

Este acto convocado por CIG-Saúde quere visibilizar a preocupación que supón para os profesionais sanitarios os ataques de Israel ao pobo palestino sen respectar nin os espazos de atención a pacientes. 

"A concentración foi pedida polo persoal sanitario ao ver como se bombardean hospitais, ambulancias... Sentímonos ameazados. Daste conta de que non se respecta nada", afirma Begoña Mallo, delegada de CIG-Saúde en Pontevedra.

As protestas realizábanse en distintos hospitais das sete principais cidades de Galicia en apoio ao persoal sanitario de Gaza e contaba co apoio da Asociación Galaico Árabe Jenin, Mar de Lumez e Galiza por Palestina. 

Desde a CIG afirman que bombardear hospitais, centros de saúde e ambulancias é un crime de guerra que converte en vítimas ás persoas que deberían coidar e socorrer á poboación palestina.

Begoña Mallo recoñecía que manteñen contacto con persoal sanitario voluntario que, na maioría de casos, está a abandonar a zona ante a gravidade da situación e relata que "é peor do que sae nos medios de comunicación porque a fame está a facer grandes estragos na poboación". 

Denuncian tamén que o estado de Israel utiliza os ataques aos centros sanitarios dentro da estratexia de "barbarie e xenocidio" contra o pobo de Gaza e tamén en Cisxordania.

Explica que a información que lles trasladan os profesionais médicos manifesta que se realizan operacións "sen anestesia, sen luz, sen nada. Están facendo o que se pode", laméntase Begoña Mallo.

Desde o sindicato nacionalista manifesta que é necesario facer fronte a "esta barbarie" e reclamar o final das accións emprendidas polo estado de Israel.