O exterior da Casa Consistorial de Bueu foi o lugar no que arredor de medio cento de persoas se concentraron para reclamar que se respecten os dereitos das mulleres de Afganistán, ante a situación que se presenta trala toma da capital do país asiático, Kabul, por parte do exército talibán.
O Concello de Bueu organizaba este acto no que Ana Isabel Otero, concelleira de Igualdade e Benestar Social, foi a encargada de dar lectura a un manifesto que fixo fincapé na necesidade urxente de apelar á solidariedade internacional ante a perda de dereitos que supón para as mulleres a chegada ao poder do réxime talibán.
"Dicía Simone de Beauvoir que non debemos esquecer xamais que bastará unha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres volvan ser cuestionados. Estes dereitos nunca se dan por adquiridos, e por iso debemos permanecer vixilantes toda a nosa vida", comezaba o texto do manifesto bueuense baixo o lema ‘Defendamos á muller afgá’.
O texto continuaba coa adhesión do Concello de Bueu ao manifesto que impulsaron dende a Asociación para a igualdade de xénero na cultura ‘Clásicas y Modernas’ e as xornalistas Gabriela Cañas, Soledad Gallego-Díaz, Rosa Montero e Maruja Torres. A continuación, deuse lectura a este escrito titulado ‘Abrid las puertas a Afganistán y a las afganas’.
CHAMAMENTO Á COMUNIDADE INTERNACIONAL
Entre as demandas que apoia o Concello de Bueu atópase un chamamento urxente á comunidade internacional para que esixa do poder talibán manter abertas as fronteiras para que todas as persoas que desexen abandonar Afganistán; o respecto dos deberes elementais de solidariedade e compaixón humana admitindo nos voos e convois de repatriación de estranxeiros ao maior número posible de afgáns e especialmente afgás en perigo inminente; e que se preste unha atención preferente ás mulleres en especial situación de risco, sexa por ter desempeñado tarefas profesionais prohibidas polos talibáns, asistido a escolas e universidades ou calquera outro motivo.
Á sua vez pídese un compromiso similar por parte dos membros da comunidade internacional de acoller aos refuxiados e refuxiadas de Afganistán, colaborando no seu caso a aliviar a presión que un éxodo masivo podería supoñer sobre os países limítrofes.