Concentración dos traballadores municipais diante do Concello para reclamar "diálogo e respecto"

Pontevedra
22 de decembro 2023

Igual que outros anos, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lóres convidou a todos os operarios do Concello ao tradicional petisco de Nadal, pero nesta ocasión o espírito do Nadal brillou pola súa ausencia e a tensión palpouse na rúa    

Concentración dos traballadores municipais diante do Concello
Concentración dos traballadores municipais diante do Concello / PontevedraViva

Un groso número de representantes dos sindicatos da xunta persoal do Concello de Pontevedra concentráronse este venres diante das oficinas do Concello (Michelena 30), pola "situación absurda" que se está vivindo tras o rexeitamento ás modificacións da Relación de Postos de Traballo (RPT) no concello pontevedrés.

Igual que outros anos, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lóres convidou a todos os operarios do Concello ao tradicional petisco de Nadal, pero nesta ocasión o espírito do Nadal brillou pola súa ausencia e a tensión palpouse na rúa.

O alcalde "hai poucas semanas acusábanos de pretender unhas subas ilegais que non están recollidas na norma, insinuando que queriamos que lle subiran os impostos aos cidadáns nun 70%", subliñan desde os sindicatos.

Neste sentido, explicaron que "é absurdo que pretenda emprazarnos aquí a todos como un requerimento para que nos felicite o Nadal" ao tratarse dun tema que "levamos reivindicando dende hai tempo". Os traballadores queren "diálogo e respecto, e botamos moi en falta as dúas cousas".

Á concentración uniuse o Partido Popular para trasladar o seu apoio ás reivindicacións os traballadores e traballadoras do Concello ao consideralos "coherentes co dano que lles fixo un alcalde que lles falta continuamente o respecto, que non senta con eles e que non quere negociar, senón impoñer".

O petisco de Nadal ía celebrar este venres, ás 13:30 horas, na Sala de Usos Múltiples do Teatro Principal e quince minutos antes, fronte ao edificio, os funcionarios tiñan previsto mobilizarse pola política de persoal do Goberno local. Con todo, Lores decidiu cambiar o petisco de localización e trasladalo á primeira planta de Michelena 30, onde "permanece escondido".

Desde a oposición agradecen o servizo que desempeñan e rexeitan "as condutas baseadas na imposición e na falta de negociación, máis propias de réximes caciquiis que democráticos".

Ademais, lembran que no pleno ordinario de decembro e celebrado este luns aprobouse a moción do PP para reclamar ao Goberno local que retome a negociación cos representantes dos traballadores municipais para aprobar a "tan necesaria actualización" da RPT, que o BNG pactou cos sindicatos no 2019 e que, agora, segundo a responsable de Persoal, Eva Villaverde, é "imposible levala a cabo porque é inviable economicamente".