Concentración de delegadas da CIG coa vista posta na folga das mulleres do 8 de marzo

Pontevedra
12 de febreiro 2019

Este martes mantiñan unha concentración na Peregrina tras unha xuntanza destinada a concretar as actuacións que levará a cabo con motivo da folga na que queren demostrar que "se as mulleres paran, o mundo para"

Concentración das representantes da Secretaría das Mulleres da CIG
Concentración das representantes da Secretaría das Mulleres da CIG / Almudena Dapena

O 8 de marzo está prevista unha folga de mulleres durante 24 horas con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora. Este martes, delegadas do sindicato CIG mantiñan un encontro para establecer as accións que van levar a cabo de cara a esa xornada. 

A central nacionallista convocou unha manifestación ás 12.00 horas para a que realizan un chamamento a todas as mulleres asalariadas. María Rodríguez, representante do colectivo de Mulleres da CIG, indicaba que tamén está convocada unha folga en sectores como o de coidados e de consumo cunha manifestación do colectivo 8-M, integrado por asociacións feministas, entre as que tamén se atopa a CIG, co obxectivo de que toda a sociedade participe.

María Rodríguez entende que a folga pretende amosar que "se as mulleres paran, o mundo para". Por este motivo mantén asembleas en centros de traballo coa intención de acadar unha alta participación e buscar unha sensibilización social ante as agresións violentas e violacións que as mulleres sofren a diario.