Concentración de apoio aos refuxiados sirios ante o tratado entre a Unión Europea e Turquía

Pontevedra
16 de marzo 2016

Diferentes colectivos sociais, sindicais, políticos e culturais sumáronse á concentración na praza da Peregrina para instar o Goberno español a que non apoie o acordo entre o Consello de Europa e Turquía para deportar os inmigrantes

Concentración de apoio aos refuxiados
Concentración de apoio aos refuxiados / Mónica Patxot

Diferentes colectivos sociais, sindicais, políticos e culturais sumáronse á concentración na praza da Peregrina para instar o Goberno español a que non apoie o acordo entre o Consello de Europa e Turquía.

Os colectivos organizadores e os participantes desta protesta consideran inxusto este acordo, que permite a deportación a Turquía de todos os inmigrantes que cheguen á UE a través dese país, a cambio de que os Estados membros recoloquen o mesmo número de refuxiados sirios asentados en territorio turco.

Entenden que este acordo é vergoñoso, ilegal e vulnera a Carta de Dereitos Humanos, a Carta de Dereitos Fundamentais da UE e a Convención do Estatuto do Refuxiado. Segundo afirman, a Unión Europea comprou as devolucións a Turquía por 3.000 millóns de euros, polos custos de xestión, e 3.000 millóns adicionais en 2018.

Estes colectivos lembran que os refuxiados son seres humanos que foxen da guerra e buscan a protección internacional polo que entenden que o sistema de intercambio de refuxiados sirios carece de sentido e supón unha violación do dereito internacional e dos tratados da Unión Europea. Ademais, consideran que os campamentos de refuxiados son inhumanos. Piden que Europa invista recursos en establecer a paz en Oriente Medio.

Ante esta situación, esixen ao Goberno en funcións de Mariano Rajoy que rexeite o principio de acordo con Turquía no Consello Europeo deste xoves 17 de marzo.

Arquivado en