Concentración da CIG diante do Mercadona de San Mauro para denunciar "represión sindical"

Pontevedra
08 de maio 2024

Representantes sindicais e persoal de supermercados concentrábase ante as portas do establecemento pontevedrés da cadea de distribución. Critican o modelo marcado por un alto ritmo de traballo con sistemas de avaliación que castigan a delegados do sindicato nacionalista. Tamén alertan da intención da empresa de deixar a CIG fóra das negociacións

Concentración da CIG en Mercadona
Concentración da CIG en Mercadona / Mónica Patxot

"Non á represión en Mercadona" ecoaba este mércores na rúa San Mauro, diante do supermercado da cadea valenciana. 

Representantes da CIG e persoal de supermercados de distintos puntos concentrábanse para denunciar a situación de represión sindical que entenden que se rexistra neste establecemento. 

Aitor Maquieira, representante da CIG, afirma que existe unha elevada carga de traballo nun modelo que aumenta os ritmos provocando presión no persoal do supermercado. "Cando van avaliarte, se lle caes mal á encargada, iso repercute no salario", asegura sinalando que un traballador pode chegar a cobrar dúas pagas menos ao ano que o resto se suspende esa avaliación discrecional.

É o caso de Elisardo Balea, delegado sindical da CIG neste centro, que leva sufrindo desde hai anos esta situación e que hoxe se vía apoiado por esta concentración, aínda que se teme que a situación continuará igual no futuro: "as valoracións van seguir suspendéndomas para non cobrar a prima", prognostica.

"Vai seguir pasando o mesmo. Por calquera cousiña van tentar levantarme actas ou sancións por calquera pequeno erro coa intención de presionarme e, no momento en que poidan, botarme", laméntase.

Desde o sindicato nacionalista advirten de que, a pesar de denunciar esta situación, non se produce ningunha reparación nin achegamento por parte da dirección de Mercadona.

Ademais, a CIG alerta de que a empresa fundada por Francisco Roig xa anunciou que non se reunirá cos comités provinciais e a central nacionalista entende que pretenden deixalos fóra das negociacións "con prácticas antisindicais" argumentando que só queren manter reunións con quen lles permite facer o que eles queren.

Aitor Maquieira considera que esta forma de actuar por parte da empresa é unha "falta de respecto a un sindicato e ás personas que o representan, escollidos polos traballadores". Advirten que esta situación será denunciada ante os tribunais de xustiza.