O Colectivo Feminista de Pontevedra concentrábase este luns diante da Audiencia Provincial para condenar o crime machista que acababa coa vida de Fadoua Akkar, veciña de Pontevedra de 41 anos, durante a fin de semana en Domaio, no municipio de Moaña.
O acto, marcado pola dor e a rabia, serviu para denunciar unha vez máis a violencia de xénero, que continúa afectando a miles de mulleres.
O manifesto lido durante a concentración comezou cun: "Basta xa de violencias machistas!".
Lembraron a vida truncada de Fadoua Akkar e denunciaron o seu asasinato a mans de A.C.T., de 47 anos, quen, tras acelerar o coche no que viaxaban ámbolos, provocou a morte da muller ao precipitarse á ría.
O corpo da vítima, recuperado no peirao de Domaio, presentaba sinais de violencia, confirmando que non se tratou dun accidente fortuíto.
O agresor, que xa tiña antecedentes por violencia machista e mantiña unha orde de afastamento, foi detido no Hospital de Vigo.
O manifesto denunciou a persistencia da violencia machista, cualificándoa de "violencia inscrita no selo do patriarcado", que se nutre "do silencio e a xustificación".
As asistentes negáronse a calar fronte á realidade de que, só no que vai de 2024, 35 mulleres foron asasinadas por violencia de xénero en España, segundo os datos oficiais do Ministerio de Igualdade.
En Galicia, máis de 4.100 mulleres solicitaron protección ante a ameaza da violencia machista no último ano.
As voces feministas subliñaron que o asasinato é só a expresión máis extrema desta violencia, que tamén se manifesta de múltiples outras formas.
As manifestantes alertan sobre o recrudecemento da violencia de xénero e a expansión de novas formas de misoxinia, que afondan no sufrimento das mulleres.
Ademais, fixeron un chamamento á xustiza para que garanta a protección das vítimas e denunciaron a revitimización que moitas mulleres sofren nos procesos xudiciais.
Denuncian a falta dun enfoque de xénero no sistema xudicial e a dilación dos procesos impiden que as vítimas se sintan seguras para denunciar. "A aplicación machista das leis por parte deste sistema de xustiza patriarcal nunca será xusta!", proclamaron.
Finalmente, o manifesto concluíu cun clamor colectivo: "Querémonos libres! Querémonos insumisas! Querémonos vivas!".
Este martes 8 haberá dúas novas concentracións ás 12.00 horas, diante da Deputación de Pontevedra e diante da Subdelegación do Goberno.