Concentración ás seis da tarde ante a Audiencia polo crime machista dunha pontevedresa en Moaña

Pontevedra
06 de outubro 2024

Dor e consternación en Pontevedra polo crime machista de Fadoua Akkar, a veciña de Salcedo de 41 anos que foi asasinada na madrugada do venres ao sábado. A súa parella sentimental,  A.C.T., de 47 anos e veciño de Moaña, conducía un coche e tirouse ao mar en Domaio. Ao caer, ela faleceu e el sobreviviu

Concentración en Pontevedra en repulsa polos crimes machistas
Concentración en Pontevedra en repulsa polos crimes machistas / Cristina Saiz - Arquivo

Dor e consternación en Pontevedra polo crime machista de Fadoua Akkar, a veciña de Salcedo de 41 anos que foi asasinada na madrugada do venres ao sábado en Moaña. A súa parella sentimental, A.C.T., de 47 anos e veciño de Moaña, conducía un coche e tirouse ao mar en Domaio. Ao caer, ela faleceu e el sobrevivIu. 

"En sinal de dor, de denuncia e de condena pola morte" de Fadoua, o Concello de Pontevedra convoca para a tarde deste domingo, ás 18.00 horas, unha concentración na praza da Audiencia Provincial, na rúa Rosalía de Castro.

O Concello condena o crime machista desta veciña de Salcedo a mans do seu compañeiro sentimental. "Pontevedra, a través do Concello, quere transmitir o pesar a súa familia, aos seus achegados e a toda a cidadanía que se atopa consternada por este grave e terríbel acto", sinalan a través dun comunicado.

Mentres continúa a reclamar "medidas efectivas e reais que atallen a violencia machista e as súas consecuencias", o Concello de Pontevedra fai un chamamento para esta concentración.

Tamén en Moaña, á mesma hora, o Concello convocou diante da Casa Consistorial ou, en caso de choiva, no salón de plenos.

A última hora da tarde deste sábado, as investigacións realizadas pola Garda Civil confirmaron o carácter machista dos feitos, que tiveron lugar sobre as cinco da madrugada no paseo marítimo de Domaio. 

O home foi detido no Hospital Povisa de Vigo, onde está ingresado, como presunto autor dun delito de homicidio no ámbito da violencia de xénero.

Fadoua Akkar non estaba rexistrada como vítima no sistema VioGén e, por tanto, non existía ningunha medida restritiva ou de protección ao redor dela.

O sospeitoso si estaba no sistema VioGén por uns feitos violentos acaecidos no ano 2012. A Audiencia Provincial de Pontevedra condenouno e ingresou en prisión. Ademais, tivo unha orde de afastamento vixente ata o ano 2020 con respecto á muller vítima daqueles feitos.