Os concellos recomendan doazóns económicas para evitar "problemas de loxística, almacenamento e distribución"

Sanxenxo
04 de novembro 2024

Sanxenxo avanza que, como se trata dunha catástrofe de longa duración e que a súa recuperación vai levar varios anos, estudará posibles axudas directas ás familias en coordinación cos concellos afectados

Recollida de alimentos e produtos de limpeza e hixiene no Café Moderno
Recollida de alimentos e produtos de limpeza e hixiene no Café Moderno /

O aluvión de solidariedade cidadá coas localidades máis afectadas polas inundacións derivadas da DANA en Levante leva aos concellos a realizar recomendacións sobre a mellor maneira de canalizar a axuda. 

De acordo coas recomendacións da Federación Española de Municipios e Provincias, e tendo en conta os problemas actuais de loxística e de distribución que lle trasladan as propias autoridades valencianas á FEMP, a maioría dos concellos fan chamamento á veciñanza que queira colaborar para que o faga a través de doazóns económicas.

É o caso de Sanxenxo, Bueu, Soutomaior ou Vilagarcía, que lembran que "é a forma máis rápida e áxil de trasladar a axuda".

Fan esta recomendación "co obxectivo de non provocar problemas de loxística, almacenamento e distribución" e lembran tres vías fundamentais:

CRUZ VERMELLA:
- Transferencia bancaria á conta ES44 0049 0001 5321 1002 2225
- SMS de 6 euros coa palabra "AYUDA" ao número 28092.
- Bizum ao 33512

CÁRITAS:
- "Emergencias DANA Valencia"
• Caixa Popular: ES19 3159 0078 5716 6338 6025
• Caixabank: ES02 2100 8734 6113 0064 8236

GENERALITAT VALENCIANA:
- Conta bancaria solidaria (Banco Sabadell): ES94 0081 0693 61 0002423445.

Desde Sanxenxo, ademais, avanzan que, como se trata dunha catástrofe de longa duración e que a súa recuperación vai levar varios anos, estudará posibles axudas directas ás familias en coordinación cos concellos afectados.

Ademais, anuncian que poñerá ao dispor da Xunta de Galicia, que está a coordinar a axuda á poboación afectada pola DANA, a través do 112, os recursos de emerxencia municipais que poidan ser útiles nos operativos de rescate e apoio que xa están a traballar nos distintos puntos da traxedia.  

Desde Soutomaior, agradecen todas as mostras de vontade por parte da veciñanza para axudar ás persoas afectadas, pero sinalan que están "traballando con responsabilidade para evitar situacións de desorganización e mesmo colapso que xa se están dando".