Os cinco concellos galegos nos que están ubicados centros penitenciarios, pertenecientes ás catro provincias, fixeron unha fronte común e denuncian que teñen que facer fronte a unha "carga económica" extra polo feito de ter estas instalacións no seu municipio sen recibir contraprestación ningunha.
Trátase de A Lama, Monterroso, Outeiro de Rei, Curtis e Pereiro de Aguiar e os seus cinco alcaldes explicaron que a "maior repercusión e preocupación" que teñen é o "impacto negativo" que teñen que soportar cando os medios de comunicación e redes sociais os mencionan por ser sedes das cárceres.
Ademais, sosteñen que os concellos de pequena entidade e con poucos recursos teñen que "asumir e soportar" o custo de servizos básicos como mantemento das redes viarias de acceso aos centros, abastecemento de auga, depuración, recollida e xestión de residuos e outros enseres, ademais do traballo extra para os servizos sociais.
Esa carga económica que supoñen estes servizos básicos teñen que afrontala "sen recibir da Administración do Estado ningunha compensación económica ao respecto".
Ademais, lembran que os centros penitenciarios están exentos de calquera tipo de pago de impostos, de maneira que lle supoñen gastos, pero non ingresos. "Estamos carentes de financiamento e cada día é máis complexo seguir prestando servizos se non se ten en conta a carga económica que temos que soportar", sinalan.
Os cinco alcaldes acordaron solicitar unha audiencia co secretario xeral de Institucións Penitenciarias, Ángel Luis Ortiz, para trasladarlle unha proposta "clara e firme" en aras de que se inclúa a través do PIE un fondo de achega a cada un dos concellos como compensación pola prestación de servizos básicos aos centros penitenciarios, "do mesmo modo que se fai con outros municipios en relación con outras materias".