O Concello de Pontevedra informou este mércores da concesión das subvencións ás Asociacións de Nais e Pais do Alumnado (ANPAs) que desenvolven actividades no eido educativo ao longo do curso 2024-2025.
As subvencións financiarán as actividades no eido da educación que promoven as ANPAs nos distintos centros educativos do Concello de Pontevedra, sostidos con fondos públicos, de primeiro ou segundo ciclo de Educación Infantil e Ensinanza Secundaria Obrigatoria.
A área de Educación, dirixida polo edil Demetrio Gómez, indica que se destinarán un total de 24.670 euros para estas axudas.
Foron presentadas 17 solicitudes distintas, de 15 centros de infantil e primaria (o 71 % dos centros totais do municipio, que son 21) e 2 de secundaria. Todas foron aceptadas.
Aplicouse un baremo que ten en conta múltiples factores: cantidade de alumnado, participación do alumnado nas actividades, presenza pública das actividades, orixinalidade do proxecto, uso de linguaxe non sexista, fomento da igualdade de xénero, promoción da lingua galega, uso das TICs, integración do alumnado inmigrante, entre outras.
Con base neste baremo establécense tres grupos de subvencións diferentes nas que varía a porcentaxe subvencionada do proxecto presentado.
Así, un grupo sería do 30 %, cun máximo de 800 euros (4 centros obtiveron esta axuda), no segundo grupo a porcentaxe subvencionada do proxecto presentado sería do 40 %, cun máximo de 1.500 euros (9 centros obtiveron esta axuda) e no grupo 3 a axuda chega ao 50 % do proxecto, cun máximo de 2.000 euros (4 centros obtiveron esta axuda).