O Concello de Poio aprobou durante o pleno do mes de decembro celebrado este luns a baixada do Imposto de Bens Inmobles (IBI), que reducirá o tipo de gravame do 0,47 ao 0,43%.
Segundo indicou o alcalde, Ángel Moldes, esta medida beneficiará a 8.779 inmobles de uso residencial e vai supoñer un aforro para as familias de case 300.000 euros anuais, uns cartos que vai deixar de ingresar o Concello.
Nesta mesma sesión plenaria tamén se aprobou o orzamento municipal para ano 2025, que ascende a 14,3 millóns de euros.
No debate, o equipo de goberno destacou que o Concello de Poio vai reducir ao longo de 2025 a débeda viva en máis de 860.000 euros, pasando de 7,9 millóns en xaneiro de 2025 a 7 millóns de euros en decembro do mesmo ano.
ILLA DE TAMBO
Durante o pleno tamén se aprobou de xeito provisional o Plan de emerxencias e autoprotección para a Illa de Tambo, un documento que propón uns puntos de evacuación en toda a illa e unha habilitación de terreos para que, no caso de que fose necesario ante unha emerxencia, sexa factible que aterrice un helicóptero de salvamento.
Deste xeito, permitirá dar solución, a través de implantación de medidas adecuadas, a incidencias ou emerxencias nas visitas á Illa polos colectivos e individuos que participan na actividade que alí se desenvolve, neste momento principalmente visitas guiadas de carácter cultural dun máximo de tres horas de duración.