O Concello de Moraña arranxará o vial de acceso a Corrigatos

Umia
19 de marzo 2025
Actualizado: 17:09

O proxecto, no que se investirán preto de 25.000 euros, contempla a demolición e construción dun muro

Camiño no lugar de Corrigatos
Camiño no lugar de Corrigatos / Concello de Moraña

O Concello de Moraña vén de presentar as obras de mellora dun camiño no lugar de Corrigatos, na parroquia de San Salvador de Saiáns.

Estas obras contan cun investimento preto de 25.000 euros que serán financiados pola Deputación Provincial de Pontevedra.

O alcalde, Sito Gómez, realizou unha visita o vial para programar a execución das obras, e anunciou o desenvolvemento e execución dun plan integral de acondicionamento da rede viaria municipal para o presente mandato, ata o ano 2027, que superará os 2 millóns de euros.

Sito Gómez manifestou que "ademais do plan de mellora de estradas municipais, o Concello de Moraña tamén está actuando nas zonas donde resulta imposible o acceso dos servicios de emerxencia, mellorando así a accesibilidade e a funcionalidade nas zonas de núcleos rurais, dedicando todos os recursos que sexan necesarios tendo en conta que a vida das persoas sempre está por enriba de outro tipo de necesidades".

A actuación consiste na demolición do actual muro de mampostería e a excavación dos terreos necesarios para realizar o retranqueo do muro.

Posteriormente executarase o muro de contención e o peche de mampostería, para rematar coa execución do novo pavimento na zona de retranqueo para crear unha uniformidade no acabado.

Deste xeito, o Concello de Moraña consigue mellorar de xeito integral estes accesos e favorecer a mobilidade dos seus veciños nos viais de titularidade municipal.