O Concello de Moraña aproba uns orzamentos de 2,9 millóns de euros

Umia
07 de xaneiro 2025
Actualizado: 11:01

O goberno local aumenta as achegas da Axuda no Fogar, as ludotecas, a Escola de Música e a Festa do Carneiro e reserva unha partida para os terreos da mellora da estrada Mane-Rebón

Concello de Moraña
Concello de Moraña / Concello de Moraña

O Concello de Moraña vén de aprobar os seus Orzamentos Municipais 2025 que chegan aos 2.957.699 euros.

Según o goberno local, destacan pola potenciación de todos os servizos públicos e por manter conxelados todos os impostos e taxas municipais por decimocuarto ano consecutivo.

O alcalde de Moraña, Sito Gómez, valorou que o proxecto de contas é "claramente expansivo", posto que medra en 285.974 euros con respecto ao exercicio precedente, o que supón un 10,7% máis, "e dá resposta ás necesidades e demandas da cidadanía".

"Estes orzamentos caracterízanse polo estrito control do gasto público, a eficiencia e a eficacia para os morañeses, aos que non lles imos pedir nin euro máis no seu esforzo fiscal xa que mantemos iguais todos os tributos e ademais, como facemos sempre, imos implementalos cun plan de investimentos específico e ambicioso", manifestou o alcalde.

Así, en materia de ingresos as contas medran grazas ao incremento das transferencias de capital por parte do Estado e da Xunta de Galicia, posto que a recadación polos impostos e taxas mantense lixeiramente por riba do millón de euros para soster "unha presión fiscal de apenas 252 euros por habitante o ano, o que supón unha das cinco máis baixas da provincia".

O Concello destinará 577.980 euros a persoal, e a partida de gastos correntes increméntase ata os 2.184.654 euros. Entre estas cuestións, o Servizo de Axuda no Fogar aumenta en 160.000 euros, as ludotecas recibirán 13.000 euros máis, a Escola de Música disporá de 8.300 euros máis e tamén aumentarán os fondos para a Festa do Carneiro.

Os gastos en electricidade e enerxía eléctrica reduciranse en 35.000 euros como consecuencia dos investimentos en eficiencia e cambio de luminarias Led do alumeado público realizados nos últimos exercicios.

Finalmente, o goberno local reservou unha partida de 16.000 euros para a consecución dos terreos necesarios para a mellora integral da estrada provincial EP-0503 Mane-Rebón coa intención de que as obras, que serán acometida pola Deputación de Pontevedra, poidan comezar neste ano.