Concello e Xunta critican o anuncio do PSOE de que o Estado está disposto a negociar o traslado de Ence

Pontevedra
19 de setembro 2018

O anuncio feito polo Partido Socialista de que a administración do Estado está disposta a abrir unha "mesa de negociación" para abordar o posible traslado da factoría de Ence fóra da ría de Pontevedra foi criticada pola Xunta e polo Concello

Tino Fernandez, Maica Larriba e María Pierres
Tino Fernandez, Maica Larriba e María Pierres / Mónica Patxot

O anuncio feito polo Partido Socialista de que a administración do Estado está disposta a abrir unha "mesa de negociación" para abordar o posible traslado da factoría de Ence fóra da ría de Pontevedra foi criticada pola Xunta e polo Concello.

Tras deixar claro que esta xestión realizárona desde a agrupación local do PSOE, a secretaria xeral desta agrupación, Maica Larriba; xunto ao secretario de organización e portavoz municipal, Tino Fernández; e a secretaria de Medio Ambiente, María Pierres, deron conta este mércores das xestións realizadas nos últimos días con responsables da Presidencia do Goberno e do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Así, aseguraron que contan co "compromiso" do gabinete de Asuntos Económicos da Moncloa, da secretaría xeral de Industria e da secretaría de Estado de Medio Ambiente para trasladar esta "disposición do Goberno do Estado para abrir esta mesa de negociación na que estaría a empresa" e o resto de administracións, autonómica e local, implicadas nun posible traslado da pasteira.

Maica Larriba lembrou que nestes momentos Ence ten unha prórroga da concesión de 60 anos outorgada polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy. "O asunto está sub iúdice porque haberá que esperar a coñecer as resolucións xudiciais interpostas contra a prórroga", sinalou, lembrando que isto fai "innecesario estudar vías como as da revogación ou a anulación da prórroga".

"Nós abrimos unha porta e o alcalde de Pontevedra, que é o máximo representante dos veciños, debería aproveitala" polo que os socialistas pídenlle a Miguel Anxo Fernández Lores que "lidere esta proposta" e asuma a posta en marcha este proceso.

"Nós abrimos unha porta e o alcalde de Pontevedra, que é o máximo representante dos veciños, debería aproveitala", dixo Tino Fernández.

Tino Fernández cre que os responsables da empresa deberían sentar a negociar porque a prórroga da concesión está pendente dos recursos contenciosos interpostos ante a xustiza e "nun xulgado sabes como entras pero non como acabas" e ademais "a prórroga non lle garante unha vida fácil a Ence en Pontevedra" xa que a fábrica de Lourizán necesitará ampliacións e obras.

REACCIÓN DO CONCELLO

Para o Concello de Pontevedra, con todo, a proposta socialista demostra que o Estado "non ten pensado facer absolutamente nada" para reverter a decisión do executivo anterior de prorrogar a presenza de Ence na ría sesenta anos máis, ata 2073.

Para Mosquerá é unha "xogada típica" para as inminentes eleccións municipais "que non ten ningún percorrido".

O edil César Mosquera entende que a idea de que o Concello lidere unha mesa de negociación polo traslado de Ence é unha "infeliz ocorrencia" e sinalou que se trata dunha "xogada típica" para as inminentes eleccións municipais "que non ten ningún percorrido".

Mosquera, que engadiu que o PSOE busca lanzar unha "cortina de fume" sobre este asunto, lembrou que as competencias neste asunto "son do Estado" e os últimos movementos deixan entrever, dixo, que "pola vía política, Ence se vai a quedar aí".

O Goberno confirmou, nunha misiva enviada polo secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, ao goberno municipal que esperará á resolución xudicial da Audiencia Nacional sobre os recursos presentados contra a prórroga a Ence e executará o que ordenen os tribunais. 

A este respecto, o edil do BNG solicitou ao Goberno que, se esta é a postura oficial, se achande no proceso xudicial e "non defendan" a decisión adoptada polo executivo de Mariano Rajoy. De ser o caso, explicou, o recurso presentado por Pontevedra tería "máis visos de prosperar", xa que Ence "quedaría soa" defendendo a súa permanencia.

REACCIÓN DA XUNTA

A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato sinalou que lle resulta "chamativo" que a administración do Estado "con quen primeiro se xunte" non sexa co alcalde de Pontevedra nin co goberno da Xunta de Galicia nin coa propia empresa Ence ou os seus traballadores "e o fagan cun interese claramente político" cos representantes do PSOE na cidade.

"Chama poderosamente a atención porque ese non é o estilo que se debería entender entre todas as administracións", dixo a conselleira que lamentou "profundamente" a vía escollida para trasladar este anuncio. E engadiu que "estamos afeitos con este novo socialismo" a este tipo de medidas que cualificou de "efectistas ou populistas".

Bea Mato: "estamos afeitos con este novo socialismo" a este tipo de medidas que cualificou de "efectistas ou populistas"

Beatriz Mato destacou que "oficialmente a Xunta de Galicia non ten ningunha información respecto diso" e lembrou que ela mesma reuniuse a pasada semana co secretario de Estado de Medio Ambiente e houbo oportunidade de trasladar esta ou calquera outra intención por parte do Goberno de Pedro Sánchez.

Dito isto Beatriz Mato apuntou que "se temos unha invitación formal, pero non do Partido Socialista de Pontevedra" na Xunta de Galicia "non teremos ningún problema" en participar nunha mesa de negociación para defender os intereses dos traballadores de Ence e dos 70.000 postos de traballo do sector forestal "que tamén dependen desta empresa".

Arquivado en