A presidenta da Deputación, Carmela Silva e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron este xoves a prórroga ata decembro de 2017 do prazo do convenio para a construción da Rolda Este.
O vicepresidente provincial, César Mosquera, lembrou que este viario que discorre entre O Marco e San Amaro servirá de novo acceso a Príncipe Felipe e ao Hospital Montecelo.
Pero Mosquera tamén adiantou que a Deputación colaborará "económica e tecnicamente" co Concello para cumprir as obrigacións municipais no convenio coa Xunta para a ampliación do Gran Montecelo, que inclúe a execución dunha rede viaria perimetral en torno ao proxectado centro sanitario.
Isto supón completar a conexión da rolda urbana planificada. É dicir, continuar a Rolda Leste cara a Montecelo por baixo de Príncipe Felipe ata conectar coa estrada de Ourense na rotonda da avenida de Lugo, enlazando desde este punto co viario existente por Santa Margarita e os Campos ata chegar a Monte Porreiro onde xa está construída a Ponte das Palabras coa conexión ata a estrada de Santiago.
Non é a única colaboración en materia viaria que teñen ambas as institucións en común xa que tamén se atopa moi avanzada a apertura dunha estrada de acceso a Monte Porreiro desde a urbanización da antiga Tafisa.
A addenda para a Rolda Leste asinada este xoves pola presidenta Carmela Silva e o alcalde, Miguel Fernández Lores, prorroga a vixencia dun convenio subscrito en abril de 2013 co entón presidente provincial Rafael Louzán. Os "fallos graves" que tiña o proxecto na súa tramitación obrigaron a redactar un novo, atrasando todo o proceso e incrementando de maneira substancial o orzamento que pasa de 1,8 a 3,3 millóns de euros.
Segundo informaron en rolda de prensa o goberno provincial espera aprobar o novo proxecto "no primeiro trimestre do próximo ano" e licitar despois as obras para que poidan arrancar en 2017.
Durante a firma desta addenda Silva e Lores destacaron a boa relación existente entre Deputación e Concello.