O camiño municipal do lugar das Quintáns, en Ribadumia, será obxecto dunha completa mellora da accesibilidade e seguridade viaria.
Así o deu a coñecer este mércores o Concello de Ribadumia, que anuncia o inicio das obras.
Este camiño conta cunha anchura efectiva inferior a 4 metros, o que dificulta a circulación fluída dos vehículos da veciñanza.
Para solucionar esta problemática, o proxecto contempla a construción dun muro que permitirá mellorar os accesos e os cruzamentos de vehículos cara ás propiedades lindeiras, ademais de optimizar a visibilidade xeral da vía.
Os traballos completaranse coa pavimentación da zona ampliada, empregando firme de aglomerado en quente, o que garantirá unha maior durabilidade e confort na circulación.
Este proxecto está incluído nun paquete de actuacións en diferentes puntos do concello financiado integramente polo Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
Conta cun orzamento total de 67.049,00 euros.
O Concello destaca que, con esta actuación, reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas municipais, "facilitando unha mobilidade máis segura e cómoda para a veciñanza, ao tempo que contribúe ao desenvolvemento e modernización da rede viaria local".