O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, visitou xunto a membros da Asociación de Veciños de Pardavila e o presidente da Comunidade de Montes de San Xulián as actuacións realizadas na zona do Chamo, que abren a porta á repoboación deste espazo rural.
Segundo explicou o edil, nos últimos dous anos lévase actuando no Chamo en diferentes fases, co obxectivo de dotar de acceso a unha serie de vivendas que estaban deshabitadas por ese problema de mal acceso que presentaban e pola falta de servizos.
Foron os propios propietarios dos inmobles os que solicitaron que se levase a cabo esta actuación para así poder iniciar o proceso de rehabilitación das vivendas e reactivar, de tal xeito, o asentamento neste área de Pardavila.
Ante esta petición, o Concello, a comunidade de montes e a asociación sumaron esforzos e decidiron colaborar na financiación da actuación. Deste xeito, os comuneiros aportaron 20.000 euros, que se destinaron á realización do ensanche dos viais, e o Concello outros 20.000 euros, cos que se colocaron os servizos de auga e saneamento. Pola súa banda, o colectivo veciñal aportou 3.000 euros que se sumaron ao montante final da obra.
Unha vez finalizada, están agora en tramitación as licenzas para a rehabilitación dos inmobles, que poderán ser ocupados, favorecendo a repoboación do rural marinense.
Pola súa banda, o concelleiro Novas quixo destacar "o gran exemplo de cooperación e colaboración entre administración e colectivos sociais que supuxo esta obra, que foi posible tamén grazas ás aportacións da comunidade de montes e da asociación".