O alcalde do Concello de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, deu a coñecer este martes os detalles do primeira fase do proxecto para a implementación de saneamento en San Clemente.
Trátase dunha actuación que se levará a cabo en Baltar, Faramontáns e na contorna da Igrexa, dando resposta, deste xeito a unha demanda histórica por parte da veciñanza.
Este proxecto contará cun orzamento que supera os 640.000 euros e financiarase a través do programa +Provincia da Deputación de Pontevedra.
Deste xeito, o Concello continúa a traballar na instalación de redes de colectores e infraestruturas que potencien e amplíen os servizos de tratamento de augas residuais ou abastecemento no rural. No que vai de ano xa se impulsou a ampliación de saneamento noutros núcleos como Saiar ou Soutelo de Abaixo.
En San Clemente, "o que pretendemos é ir completando a rede de servizos básicos na parroquia", explicou o alcalde caldense, que garante que esta obra suporá "unha mellora moi importante das prestacións para un gran número de veciños e veciñas".
Unha vez se faga realidade o proxecto moitas vivendas que actualmente carecen deste servizo, e que utilizan pozos negros, poderán conectarse aos novos colectores, co que se evitarán problemas de salubridade ou posibles verteduras.
Unha das actuacións chave deste proxecto será a ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Baltar. Un "paso imprescindible", xa que conta con preto de 20 anos de antigüidade e xa se atopa ao límite da súa capacidade.
Actualmente, presta servizo aos núcleos de Baltar, Cesar, Cesariños, Asar, Campelo e Souto. Unha vez estean as obras concluídas, estímase que a capacidade da depuradora será suficiente para dar servizo a uns 600 usuarios aproximadamente. Para a súa ampliación ocuparanse terreos anexos que son de titularidade municipal, tal e como se reflicte nos informes técnicos.
Nesta primeira fase do proxecto, ademais, tamén se contempla a dotación dunha Estación de Bombeo de Augas Residuais (EBAR) no lugar de Faramontáns, que servirá para enviar as augas ata a EDAR de Baltar. Aquí tamén se instalarán máis tramos de colector e ramais para garantir que o servizo chegue a practicamente todo o núcleo.
Por último, esta actuación inicial tamén deixará asentadas as bases para permitir que se consolide o servizo de tratamento de augas residuais na contorna de A Igrexa.
Dende o Concello xa se solicitaron os permisos pertinentes ante as Consellerías de Patrimonio e de Industria, así como no departamento de Augas de Galicia. O proxecto tamén foi remitido á Deputación de Pontevedra e "agora estamos á espera de que nos dean luz verde para poder iniciar a licitación".
Prevese que o prazo de execución das obras sexa de cinco meses.