O campus de Pontevedra estreará no curso 2026-2027 o seu primeiro 'dobre grao'. Será o que formarán as titulacións de Comunicación Audiovisual e Publicidade, que se imparten actualmente na Facultade de Comunicación.
Así o acordou o consello de goberno da Universidade de Vigo, que deu o seu visto bo á creación de once novas titulacións repartidas no seu tres campus.
A programación conxunta en estudos oficiais, coñecida popularmente como 'dobre grao', é un programa deseñado para que o estudante obteña dous graos simultaneamente, integrando materias de ambos os graos e eliminando duplicidades.
Esta non será a única novidade prevista pola universidade para ese mesmo curso.
A Universidade de Vigo creará o grao en Enxeñaría de Tecnoloxías Navais para a Defensa, titulación que estará adscrita ao Centro Universitario da Defensa de Marín e que substituirá ao actual grao en Enxeñaría Mecánica.
A maiores, tamén se porá en marcha un novo máster, vinculado neste caso á Escola de Enxeñaría Forestal, bautizado como Master en Solucións Innovadoras en Geomática.
Este último título, segundo o vicerreitor responsable da área de titulacións e innovación docente, Alfonso Lago, ten pensado establecer unha dobre titulación coa Universidade Vilnius Tech, de Lituania, incluída no consorcio Athena.
O reitor Manuel Reigosa explicou que "quedan aínda por diante numerosos trámites", pero espera que "se todo sae segundo o esperado" estes novos estudos se poidan implantar no campus de Pontevedra a partir de setembro de 2026.