Comuneiros de Vilaboa sorprenden varias persoas recollendo leña en Castiñeiras malia estar prohibido

Vilaboa
01 de setembro 2013

As persoas que no respecten esa prohibición expóñense ao risco de imposición de importantes sancións económicas, xa que o uso de maquinaria podería provocar un lume con consecuencias imprevisibles. Membros da Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Santa Cristina de Cobres colocaron carteis advertindo de que está prohibido en época de máximo risco de incendios

Os comuneiros de Santa Cristina de Cobres, en Vilaboa, soprenderon esta semana a varias persoas realizando actividades non permitidas polo alto risco de incendios nas proximidades de Castiñeiras e tiveron que chamarlles a atención. 

Segundo indicou a Xunta Rectora da comunidade de montes, a esas persoas tívoselles que advertir da prohibición de aproveitar os restos da corta de madeira que se fixo nas proximidades de Castiñeiras.

As persoas en cuestión desprazáronse ata o lugar en tractores dende as proximidades e tamén dende o veciño Concello de Marín e carecían da pertinente autorización por parte da comunidade de montes.

Ante estas actitudes detectadas, os comuneiros recordan que neste momento de máxima alerta por incendios o acceso ao monte a persoal non autorizado está prohibido pola lei de prevención de lumes forestais de Galicia.

As persoas que non respecten esa prohibición expóñense ao risco de imposición de importantes sancións económicas, xa que o uso de maquinaria podería provocar un lume con consecuencias imprevisibles.

Membros da Xunta Rectora percorreron este sábado a zona onde se produciu a tala de madeira para colocar carteis da prohibición de aproveitar os restos de mato ata que remate o prazo de máximo risco por lumes.

Unha vez rematado este periodo a comunidade de montes xa avisará os comuneiros que queiran facer aproveitamento desta leña ademáis da que ardeu no monte da Cavreira, que non teña valor comercial ou que o seu aproveitamento non poña en perigo a súa seguridade nin a de terceiros.

Arquivado en