Compromiso para avanzar na eliminación do recinto de ferralla ilegal de Marcón

Pontevedra
26 de outubro 2022

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística acolleu unha xuntanza entre a dirección deste organismo e representantes veciñais e da ANPA do CEIP de Marcón; o concelleiro Alberto Oubiña e o director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato. O obxectivo é que se axilice a eliminación definitiva deste espazo declarado ilegal desde 2006

Precintada a entrada do desguace de Marcón
Precintada a entrada do desguace de Marcón / PontevedraViva

Responsables da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta de Galicia indicaban este mércores que están a traballar para eliminar o "problema enquistado" que se mantén desde 2006 co recinto de ferralla declarado ilegal en Marcón e que, recentemente, foi precintado. 

Residentes na parroquia pontevedresa e integrantes do CEIP de Marcón, ademais do concelleiro Alberto Oubiña e Xosé Manuel Tato, director xeral de Urbanismo en Pontevedra, mantiñan este encontro coa dirección de APLU para trasladar a preocupación ante esta situación que leva anos sen que se rexistren avances e ocasionando problemas na contorna.

Segundo indicou o concelleiro de Marcón, Alberto Oubiña, a APLU comprométese a enviar información cada semana para reducir prazos e comezar a recuperar este espazo no menor tempo posible. A intención é mellorar a zona de Vilafranca e todo o espazo que se atopa próximo ao recinto escolar. Oubiña sinalou que o Concello manterá o seu apoio á veciñanza, mostrándolle colaboración e axuda para que a zona volva ao seu estado natural, tal e como recollen os requirimentos xudiciais.

Na mesma liña manifestouse Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, lembrando que o Concello leva máis dun ano solicitando a APLU que actúe impedindo a actividade económica que se desenvolve nesa parcela e que está "xerando problemas" á poboación de Marcón.