Comprometen a mellora do salón de actos do colexio Padín Truiteiro

Soutomaior
14 de outubro 2024

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, anunciou a actuación, consensuada co director do centro escolar. Os traballos consistirán na mellora do actual patio de butacas, do alumeado e do pavimento

Manuel Lourenzo visita o CEIP Manuel Padín Truiteiro para falar da mellora do salón de actos
Manuel Lourenzo visita o CEIP Manuel Padín Truiteiro para falar da mellora do salón de actos /

O Concello de Soutomaior vai desenvolver o arranxo do salón de actos do CEIP Manuel Padín Truiteiro, no que se vai mellorar mellorar o actual patio de butacas, o alumeado e o pavimento.

Así o anunciou o alcalde, Manu Lourenzo, que asegurou que se trata dunha actuación falada e consensuada co director do centro escolar que permitirá subsanar diferentes eivas no espazo.

O obxectivo desta actuación é que tanto o alumnado como o persoal docente do centro escolar poidan gozar dun salón de actos en boas condicións e cunhas instalacións coidadas

Manu Lourenzo sinalou que este arranxo súmase ás obras e traballos realizados polo Goberno local neste colexio, na Escola Infantil de Romaríz e no centro de A Galiña Azul de Arcade durante o mes de agosto.

Segundo explicou, son actuacións resultado dun diálogo fluído e constante cos equipos directivos dos centros. Todos os arranxos realízanse con fondos propios porque "para nós, investir en educación, dentro das competencias que lle corresponden ao Concello, é un obxectivo prioritario".