Aínda que xa houbo estes días contactos informais entre ambas as partes, as negociacións entre BNG e PSOE para formar un novo goberno municipal en Pontevedra arrancaron este xoves de maneira oficial. As dúas comisións designadas víronse as caras por primeira vez.
Fixérono minutos despois das seis da tarde na sala de comisións do Concello. Sentados, fronte a fronte, tres representantes nacionalistas e tres socialistas. Polo BNG, os edís César Mosquera, Raimundo González e Eva Vilaverde. Polo PSOE, o seu portavoz Iván Puentes, a concelleira Yoya Blanco e o deputado Guillermo Meijón.
Foron case dúas horas de reunión que, segundo explicaron Mosquera e Puentes, transcorreron nun "marco de mutua comprensión" e na que se sentaron "boas bases", apuntou o primeiro deles, para "enfocar a gobernabilidade do mandato".
"Falamos de todo", asegurou César Mosquera, que indicou que este primeiro encontro estivo centrado en analizar o "enfoque" que debe ter o goberno municipal no próximos catro anos ou os servizos que haberá que reforzar.
A este respecto, sostivo que as relacións entre ambos os partidos "son boas", aínda que advertiu que "ninguén agarde" un acordo inminente, ao existir numerosas cuestións que ambos os partidos deben abordar para "afinar" este posible pacto de goberno.
Iván Puentes, pola súa banda, coincidiu en que esta reunión serviu para "delimitar o terreo de xogo" para que, unha vez definido este marco, "poidamos falar de asuntos concretos", desde os "puntos de entendemento" que existen ás cuestións que "haberá que desbrozar".
BNG e PSOE, subliñou Puentes, traballan desde a "responsabilidade suprema" de conseguir que o Concello sexa "gobernable e estable" nos próximos anos, aínda que insistiu en que a entrada ou non dos socialistas no executivo "depende da que punto cheguemos".
"Oos votos do PSOE nunca farán alcalde a Rafa Domínguez. Os nosos votantes non entenderían outra cousa", reiterou. Garantida a investidura como alcalde de Miguel Anxo Fernández Lores "no resto temos liberdade absoluta para explorar a intensidade da colaboración".
As reunións entre ambas as partes continuarán "case a diario", aseguraron ambos os dirixentes, ata o pleno de investidura previsto para o sábado 17 de xuño.