Compras masivas ante o anuncio da folga do transporte

Pontevedra
12 de marzo 2022

A Plataforma para a defensa do sector do transporte convocou unha folga indefinida a partir do 14 de marzo ás 00.00 horas e o temor a que se complique a distribución de produtos de alimentación deriva en que numerosos supermercados das Rías Baixas presenten estantes baleiros

Estantes practicamente baleiros nun hipermercado de Pontevedra este 12 de marzo
Estantes practicamente baleiros nun hipermercado de Pontevedra este 12 de marzo / PontevedraViva

Xa non só hai grandes ocos nos estantes de aceite de xirasol nos establecementos comerciais, provocados pola guerra en Ucraína e o temor ao desabastecemento e á consecuente subida de prezos que se rexistra durante as últimas semanas. Agora, hai máis espazos nos supermercados que se atopan cun escaso número de produtos básicos como fariña, legumes, conservas, pastas ou auga mineral. 

O motivo desta compra masiva de produtos esenciais atópase na situación de incerteza xeral en que vive a sociedade ante o conflito bélico desatado por Rusia, pero tamén pola convocatoria realizada pola Plataforma para a defensa do sector do transporte.

Esta organización chamou "aos profesionais de todo tipo de transporte e de toda clase de ámbito a unha folga indefinida" en todo o Estado a partir do próximo luns 14 de marzo ás 00.00 horas.

A causa deste paro atópase en que o 90% das empresas de transporte, medianas e pequenas entidades, permanecen nunha "situación económica de quebra total" cunhas condicións laborais de "total precariedade", segundo indica a xunta directiva desta plataforma. A subida extraordinaria de combustibles tampouco axudou a este sector, que demanda que os ministerios competentes negocien acordos para resolver a situación actual.

Con todo, esta folga non é apoiada pola Confederación Española de Transporte de Mercadorías, organización que agrupa aos empresarios deste sector. Este colectivo entende que "non é o momento de secundar un paro" e alegan que esta decisión "só servirá para desestabilizar a situación". 

Arquivado en