O programa de formación para a mocidade 'Pisando Forte' xa ten deseñada a súa edición 2016 cun total de 15 cursos diferentes centrados en catro itinerarios formativos diferentes que, como novidade, inclúen por primeira vez actividades centradas en especializadas como a compostaxe, os drones ou a creación dunha Escola Municipal de Igualdade para a Mocidade.
O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, presentou os cursos, dirixidos a mozos de entre 16 e 35 anos e destacou que terán prioridade os veciños de Pontevedra que se atopen en situación de desemprego. Dado que habituallmente hai listas de espera, para cada acción formativa crearase unha lista con persoas que non cumpran os requisitos, pero estean interesadas e iráselles chamando unha a unha durante o período de preinscrición.
As datas de preinscrición comezarán, segundo os cursos, os días 20 de abril, 20 de maio e 12 de setembro e poderán realizarse tanto a través de Internet na web da concellería de Xuventude como de forma precensial na Casa Azul. Toda a información pode consultarse na páxina do departamento municipal.
Os cursos de 'Pisando Forte' son dos poucos que se organizan a nivel institucional que seguen sendo gratis e Demetrio Gómez destaca, entre outras características, que todos se imparten en lingua galega e este ano seguen os seguintes itinarios: xeneral, ambiental, artístico e de igualdade. En total, haberá máis de 250 prazas e, a maiores, unha actividade sen prazas limitadas, a xornada de presentación da 'Escola Municipal de Igualdade para a Mocidade' prevista para o 19 de novembro no Pazo da Cultura.
No itinerario xeral, os cursos centraranse en preparación de exame de competencias crave, manipulación de alimentos, xornada Erasmus+ de Mobilidade e voluntariado europeo, community manager e como sacarlle partido a unha marca persoal. No itinerario ambiental, haberá unha introdución aos servizos RPAS (drones) en actividades de control ambiental en ríos e encoros, cursos de educación ambiental de compostaxe e iniciación aos labores forestais, este último curso impartido por ex alumnos do centro de formación de Lourizán, de tal forma que "se segue esta liña de mellora da empregabilidade".
O itinerario artísitico centrarase no local de música e en como traballar na industria musical, como facer que un grupo artístico funcione, como conseguir actuacións e como producir e organizar eventos musicais. A Escola de Igualdade ofrecerá formación de mediadores en igualdade e promoverá dous talleres, un de 'ligue, sedución e sexualidade para mozos' e outro dirixido a pais enfocado en como conectar cos seus fillos.