Compostaxe: á vangarda da xestión do lixo na Galiza

Pontevedra
16 de novembro 2017

Seis concellos da provincia de Pontevedra implantarán antes de finais de 2018 un novo modelo para xestionar o lixo baseada na compostaxe e situaranse á vangarda do tratamento dos residuos na Galiza. Estes concellos son: Pontevedra, Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves e O Grove

Composteiros no Príncipe Felipe
Composteiros no Príncipe Felipe / Mónica Patxot

Poñer en práctica unha nova forma de separar e tratar o lixo que sexa máis económica, ambientalmente sustentable, e cumprir coas obrigas da UE. Ese é o obxectivo dos seis concellos da provincia de Pontevedra que, da man da Deputación de Pontevedra, aplicarán o Plan Revitaliza de compostaxe provincial antes de finais de 2018 e seguirán os pasos que no resto do estado xa deron Cataluña, o País Vasco e tamén Navarra: xestionar do xeito máis natural posible os residuos orgánicos, compostos por restos de comida e vexetais, para evitar que sexan incinerados.

Seis concellos da provincia de Pontevedra implantarán antes de finais de 2018 un novo modelo para xestionar o lixo baseada na compostaxe e situaranse á vangarda do tratamento dos residuos na Galiza. Estes concellos son: Pontevedra, Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves e O Grove.

Na Galiza, os residuos orgánicos supoñen máis do 50% dos residuos da bolsa de lixo que xera cada galega e galego. A intención do Plan Revitaliza da Deputación é tratar eses residuos orgánicos seguindo un método moi similar ao que ocorre sen intervención humana na natureza, a compostaxe, para que volvan á terra como fertilizante e xerar nova vida nun sistema circular.

Un dos puntos clave do éxito do Plan Revitaliza é a descentralización. Na provincia de Pontevedra, existen tantos núcleos de poboación como en todo o resto do estado, e os residuos están tan separados entre si que non é eficiente, nin dende o punto de vista económico nin medioambiental, volvelos xuntar para tratalos nun único lugar, tal como sucede na actualidade na planta de Sogama. 

UN TRABALLO DE CONXUNTO

A proposta provincial é xestionar eses residuos orgánicos no mesmo lugar onde se producen, xa ben nos domicilios de veciñas e veciños que dispoñen de horta -mediante composteiros individuais-, en pequenos núcleos de poboación –mediante centros de compostaxe comunitaria cunha mínima loxística-, ou con plantas comarcais de compostaxe naquelas vilas cuxa densidade de poboación sexa tan alta que non sexa factible compostar doutro xeito.

O que se require da veciñanza é que separe correctamente o seu lixo orgánico do resto dos refugallos e o bote no seu centro de compostaxe correspondente. Ademais de separar, como é xa habitual, os plásticos, envases e latas para depositalos no colector amarelo; vidro para o iglú verde; e papel para o colector azul. A un tempo, a cidadanía terá o asesoramento do persoal técnico e dos mestres e mestras composteiras provinciais, persoal especializado para contestar todas as dúbidas e que ademais garante que todo o proceso se realiza correctamente.

POR RIBA DO OBXECTIVO

A día de hoxe, son seis os concellos da provincia que cambiarán o seu sistema de separación, recollida e tratamento de lixo de xeito inmediato para pasarse á compostaxe. O seu compromiso, ao adherirse ao Plan Revitaliza, supón que nos vindeiros catro anos tratarán mediante compostaxe e outros aproveitamentos naturais o 75% dos seus biorresiduos (restos de comida, poda, vexetais…). Será un paso radical e audaz, que terá a súa clave para que funcione economicamente ben na rapidez en que se cambie o actual sistema de tratamento, xa que manter os dous sistemas a un tempo supón custes engadidos. Deste xeito, se no vindeiro ano os seis concellos pasan á maior parte da súa veciñanza á compostaxe, superarase a cifra obxectivo marcada a principios do mandato: que unha cuarta parte da poboación da provincia de Pontevedra se rexa por un sistema sustentable.

Para afrontar un cambio tan drástico no tratamento do lixo, a Deputación de Pontevedra está a aportar a estes "seis concellos de vangarda" asesoramento técnico mediante a redacción dun Plan de Residuos propio para cada concello, aportación de persoal (técnicos e mestres e mestras composteiras), formación e achegas económicas que ascenden a preto de 1.200.000 euros e que se destinarán a mercar composteiros individuais, colectivos e a maquinaria necesaria para a implantación do novo sistema.

A compostaxe, en calquera caso, está a verse como unha alternativa necesaria para rematar cos altos custes do servizo do lixo para os gobernos locais. De feito, na provincia hai bastantes concellos que, a pesares de non estar adheridos á segunda fase do Plan Revitaliza, xa están dando os seus primeiros pasos para demostrar que é un sistema válido. Teñen instalados os centros de compostaxe comunitaria que a Deputación repartiu durante o ano pasado e constatado o éxito do seu funcionamento. En total son 35 os municipios implicados na compostaxe en diferentes graos grazas á Deputación de Pontevedra. O cambio na mentalidade para tratar o lixo vai por bo camiño.