Completan a mellora integral do firme e a drenaxe da estrada de Esbarrela

Cerdedo-Cotobade
04 de decembro 2019

A estrada de Esbarrela, na parroquia de Folgoso, vén de ser renovada de xeito integral. O goberno municipal confirmou que xa se completou a actuación que permitiu, entre outras actuacións, a dotación dun novo firme e a implantación de sistemas de drenaxe

A estrada de Esbarrela, tras as obras de mellora
A estrada de Esbarrela, tras as obras de mellora / Concello de Cerdedo-Cotobade

A estrada de Esbarrela, na parroquia de Folgoso, vén de ser renovada de xeito integral. O goberno municipal confirmou que xa se completou a actuación que permitiu, entre outras actuacións, a dotación dun novo firme e a implantación de sistemas de drenaxe.

Os traballos de remodelación da pista beneficiaron aos 455 metros de lonxitude da mesma, aínda que se actuou de xeito personalizado nos seus tres treitos, xa que, polas súas características e diferenza de anchura, que vai dos 3,50 ata os 6 metros, houbo que acometer a mellora con especificacións técnicas para cada zona.

As obras consistiron na reparación de todos as fochancas e a implantación dunha nova capa de rodadura de 6 centímetros de groso con aglomerado en quente, o perfilado das mordentes con grava e tratamento asfáltico, a roza e a limpeza de gabias e salvagabias para facilitar unha correcta drenaxe e a adaptación de todos os pozos de rexistro e as arquetas á nova rasante.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que visitou a zona acompañado da edil Lourdes Ovelleiro, destacou que esta obra en Esbarrela, pertencente ao Plan Concellos da Deputación, forma parte dun paquete de actuacións en Cerdedo.

Nel, incluíronse tamén a conexión e as cunetas entre San Antón e Cervas, pavimentacións en Vilar, o acceso e a praza na contorna do local social de Viduído, o acceso sur a Vilarchán e camiños interiores en Vilar.