Completadas as melloras da EP-8004 ao seu paso por Lantañón e Vilanoviña en Meis

O Salnés
27 de agosto 2024

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, supervisou en Meis o tramo que afecta a este municipio onde se habilitou unha senda peonil

Visita de supervisión ás obras do vial provincial en Meis
Visita de supervisión ás obras do vial provincial en Meis / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra concluíu as melloras de mobilidade peonil na EP-8004 ao seu paso por Lantañón e Vilanoviña, no concello de Meis. Con tal motivo a deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, supervisou a actuación acompañada da alcaldesa, Marta Giráldez.

Neste tramo do vial provincial traballouse nun tramo de 400 metros nos que se habilitou unha senda peonil, unha rede subterránea de recollida de augas pluviais e dotouse de nova iluminación con luminarias led de alto rendemento e menor consumo enerxético. A obra conleva un investimento de 160.000 euros achegados pola Deputación e 40.000 euros a cargo do Concello de Meis sufragados con fondos do Plan Provincial de Cooperación Municipal.

Esta mellora inclúese no proxecto de mellora do firme da citada estrada provincial entre Caldas e Vilanova, ao longo de algo máis de oito quilómetros e que supón para a entidade provincial un desembolso dun millón de euros.