Completada en Portosanto a rede de abastecemento e pluviais no camiño do Castaño

Poio
11 de outubro 2024

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, afirmou que o goberno local é consciente de que a dotación de estes servizos básicos para a veciñanza é prioritaria

Visita do alcalde ao Camiño do Castaño
Visita do alcalde ao Camiño do Castaño /

O Concello de Poio completou a rede de abastecemento e pluviais e rehabilitou o firme no camiño do Castaño, en Portosanto. As obras contaron cun investimento de 42.000 euros.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, considera que esta obra da resposta a un compromiso adquirido coa veciñanza do lugar para solucionar o importante deterioro que sufría esta vía municipal, renovando a rede de servizos básicos e completando as pluviais naqueles tramos do camiño que carecían deles.

Renovouse a tubaxe de PVC, así como seis acometidas domiciliarias coas súas correspondentes arquetas na rede de abastecemento, mentres que para completar a rede de pluviais instaláronse dous pozos de rexistro, seis acometidas domiciliarias coas súas correspondentes arquetas e tres sumidoiros con conexión á rede de pluviais. Por último, renovouse o firme adaptando as rasantes ás entradas das vivendas.

Ángel Moldes afirmou que o goberno local é consciente de que a dotación destes servizos básicos para a veciñanza é prioritaria e que hai moitos lugares que acumulan anos sen mantemento e por iso estanse a executar estas actuacións "pequenas pero importantes".

Nesta liña, indica que nas próximas semanas comezarán as obras para mellorar o firme do camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados, na parroquia de San Salvador, na travesía da Seara, no camiño do Outeiro de Fontenla, instalación de alumeado en rúa do Adro e Travesía Porteliña.

Tamén mellorarase o firme e completarase a rede de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba e no Camiño do Souto, en Combarro onde tamén se construirá un muro de contención.

Por último, está prevista a mellora de camiños municipais en Fonteiriñas e nos ramais dereitos e esquerdo da rúa Sartal.