Se o tempo o permite, o Entroido seguirá esta fin de semana en Poio con tres grandes propostas: a festa familiar e pasarela de comparsas, que se celebra o venres nunha carpa instalada na Seca; co desfile e concurso de disfraces en Campelo; e co enterro do Galo Fodorico e a festa Choqueira na contorna da praza do Mosteiro.
Este mércores o alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, acompañaron á presidenta da AVC Ronsel, Elena Barral, na presentación da programación do enterro do Galo Fodorico e da festa Choqueira, iniciativas organizadas entre a asociación e o concello.
Animaron á participación en todas as propostas previstas para esta fin de semana, aínda que recoñeceron que continúan pendentes do tempo.
A primeira cita é este venres, día 23. A festa familiar de Entroido, coa actuación da Gran Barafunda Animación, comeza a partir das 18.00 horas. E xa ás 21.00 horas, tamén na carpa da Seca, comezará a pasarela coa exhibición de comparsas locais e convidadas, entrega de mencións especiais e animación musical.
Xa o sábado, ás 12.00 horas, recupérase o desfile de entroido, con saída desde a biblioteca municipal e remate do percorrido na Praza da Granxa, en Campelo. Alí será o fin de festa matinal con animación musical e entrega de premios aos mellores disfraces.
Os participantes en categorías infantil e por parellas aínda están a tempo de participar no concurso, xa que poden anotarse o propio sábado, na contorna da biblioteca, entre as 9.30 e as 11.00 horas.
Este ano Poio introduciu novidades importantes na programación do Entroido, como o horario de mañá ou un percorrido máis atractivo e cómodo, que facilitou que comparsas e grupos de toda a provincia se anotasen para participar no desfile. De feito, hai nove comparsas confirmadas para participar tanto na pasarela de Entroido do venres como no desfile do sábado, e ata trece grupos inscritos para participar no desfile.
Con respecto aos premios, repartiranse 4.450 euros e as categorías nas que se pode concursar son individual, parella ou grupo, tanto en infantil (ata 14 anos) como adultos (desde os 15 anos). No caso dos grupos, terán como mínimo tres participantes que deberán gardar unha unidade temática; poderán ir acompañados de carroza ou plataforma móbil.
A estes premios que outorga o Concello de Poio hai que engadir o premio de 200 euros en vales que outorgará a asociación EnPoio ao disfrace máis elaborado durante o Desfile de Entroido.
Xa pola tarde, será a quenda do enterro do Galo Fodorico e a Festa Choqueira. Como explicaron esta mañá tanto desde a AVC Ronsel como do propio concello, o cortexo fúnebre sairá ás 21.00 horas desde os Canos ata a Praza do Mosteiro, onde será incinerado en presencia das comparsas locais.
Posteriormente celebrarase a festa Choqueira, coa actuación do Dúo Arena e degustación de chocolate con biscoito, tamén na Praza do Mosteiro. Para participar no concurso da festa Choqueira, é preciso anotarse previamente, ás 20.00 horas, na Praza do Mosteiro e é obrigatorio facer todo o percorrido co enterro do Galo Fodorico. Os premios outorgaranse nas categorías individual, parella e grupo.
OPERATIVO ESPECIAL DE TRÁFICO
O sábado, con motivo do desfile de Entroido entre a biblioteca municipal e a Praza da Granxa, o tráfico permanecerá pechado en todo o traxecto entre as 10.30 e as 15.00 horas. Quedarán cortados os accesos desde a PO-308 cara rúa Castelo, que se desviará cara o Camiño Real do Casal e só poderán acceder cara Campelo os participantes no entroido.
Tamén haberá corte de rúa desde o Porto de Campelo cara a Rúa Padre Avelino e en Pedro Soto Couselo, desde Camiño Zapateiro cara a Praza da Granxa.
Ademais, queda prohibido estacionar en todo o percorrido. A véspera ao desfile quedará colocada a sinalización de restrición no percorrido. Tanto os residentes como visitantes poderán acceder pola rúa Anafáns ou por Lourido ata os estacionamentos disuasorios.