Unha vintena de comparsas e grupos participarán no Desfile de Entroido da Lama

A Lama
04 de marzo 2025

Haberá premios por categorías e ao rematar o desfile o público asistente poderá degustar chocolate con churros mentras agardan polo fallo do xurado e bailarán a ritmo de 3.COM e un DJ.

Desfile do Entroido 2020 na Lama
Desfile do Entroido 2020 na Lama

A Lama vai camiño de récord coa participación prevista no Desfile do Entroido.

Están anotadas máis dunha vintena de comparsas e grupos sobrepasando xa a cifra das 1.000 persoas que anuncian a súa participación disfrazadas.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello da Lama mantén aberto o proceso de inscrición no desfile e concurso de disfraces que terá lugar o sábado 8 de marzo, a partir das 17 horas, e que percorrerá as principais rúas do centro da vila.

Durante a presentación do entroido na Lama, o alcalde, David Carrera, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya, reivindicaron novamente a figura do Conde Cabanelas, emigrante galego natural de Covelo, que impulsou e popularizou a saída á rúa do famoso Carnaval de Río de Janeiro. 

De feito, o Concello faralle entrega a cada unha das comparsas participantes unha estatuíña do célebre benefactor e filántropo lamense.

Entre os inscritos para o desfile deste ano están neste momento as comparsas 100Tolos, Os Canecos, Os da Caña, As Flores do Carnaval, Os Paparrulos, As Sonecas, Os Miudos, Os Solfamidas, Os Retrincos.

Estas agrupacións ofrecerán música en directo ao seu paso e darán colorido a un pasarrúas que tamén contará con carrozas, grupos e disfraces de parellas e individuais, de varios municipios da provincia entre os que destacan ademais da Lama, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Soutomaior, Pontevedra e Bueu.

Para facilitar a participación de grupos locais, a organización decidiu dar premios aos grupos locais, formados por integrantes da comarca do Verdugo-Oitavén (A Lama, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade e Fornelos de Montes) e visitantes, os procedentes do resto da provincia.

Haberá premios por categorías e ao rematar o desfile o público asistente poderá degustar chocolate con churros mentras agardan polo fallo do xurado e bailarán a ritmo de 3.COM e un DJ.

Plácido Pillado e David Carrera
Plácido Pillado e David Carrera     Concello da Lama