A Lama ultima os preparativos para celebrar un entroido que busca converterse en todo un referente na comarca o vindeiro sábado 17 de febreiro.
Sete comparsas confirmaron xa a súa presenza no "sambódromo" do municipio: Amoriños de Bora, 100Tolos, Os Canecos, Os da Caña, As Flores do Carnaval, Os Paparrulos e Os Solfamidas.
A elas súmanse grupos provenientes de lugares tan distantes como Bueu, Marín, Monte Porreiro, Campolameiro, Campelo, Arcade, Samieira, Bora, Salcedo, ademais de Ponte Caldelas, Fornelos de Montes, Cerdedo-Cotobade e o propio municipio da Lama.
Tamén está anotado xa un gran número de persoas que participan en categoría individual ou por parella no concurso de disfraces, dotado de importantes premios en metálico.
Así mesmo, coa intención de incentivar a participación de grupos da comarca do Verdugo-Oitavén, habilitáronse dúas categorías: local e visitante, dotadas con suculentos premios por igual para favorecer a asistencia e a compensación en premios para os mellores disfraces. Por local a organización entende aqueles participantes domiciliados nos municipios de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e A Lama.
Todas aquelas persoas e grupos que queiran participar na edición deste ano poderán inscribirse ata este venres, nas oficinas municipais, en horario de 9 a 14 horas, cubrindo un impreso normalizado facilitado para ese efecto antes do venres 16 de febreiro.
O impreso pode ser descargado desde a páxina web www.concellodalama.com e deberá ser presentado no consistorio, a biblioteca municipal ou por fax (986 76 82 82).
En total, repartiranse 1.100 euros en premios.
Así mesmo, a organización poderá deixar deserto calquera dos premios previstos en función de que se considere que ningún dos participantes reúne méritos suficientes para poder levalo.
O xurado será independente da organización e do Concello da Lama e estará formado por cinco persoas pertencentes ao tecido asociativo deste municipio. O fallo do xurado será inapelable e será emitido ao final do percorrido do desfile, durante o baile de disfraces que estará amenizado por un conxunto musical.
As comparsas terán un mínimo de 15 participantes e poderán estar acompañadas de carroza, valorándose que a música sexa en directo realizada con instrumentos musicais e interpretarán as súas composicións e pasacalles de entroido. Deberán tamén gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario como na súa actuación.
En canto aos grupos que poden participar no concurso e o desfile de entroido na Lama deberán estar formados por un mínimo de 5 integrantes, poderán ir acompañados de carroza e terán tamén que gardar unha unidade temática.
Polo que respecta os disfraces individuais que entren en concurso valoraráselles a súa orixinalidade e dificultade na súa elaboración así como o bo humor desenvolvido polo participante.
O fin de festa, que se celebrará na Alameda da Lama estará marcado pola repartición gratuíta de chocolate con rosca entre o público e as persoas participantes no desfile e a diversión a cargo do conxunto musical TRES.COM que amenizará a xornada para combater o frío e o exceso de calorías cun bo baile