En Pontevedra cidade, o PP foi o máis votado nestas eleccións do 18F. Lograron 20.313 votos (44,96%). É un 1,53% máis que nas eleccións do 2020. Detrás quedou o BNG, que crece case sete puntos, e sumou o apoio de 15.571 cidadáns, un 34,46%.
Os socialistas, pola súa banda, tivéronse que conformar cun 13,84% dos votos, con 6.256 das súas papeletas nas urnas, case 6 puntos menos que hai catro anos, mentres que Sumar superou a Vox pola mínima, 1.046 (2,31%) fronte a 1.000 votos (2,21%).
A Podemos (117, 0,25%) pasoulle PACMA (218, 0,48%) e moi preto deles quedou a candidatura de Escanos en Branco, con 104 votos (0,23%). Os 55 votos de Por un mundo máis xusto (0,12%) e os 54 de Espazo Común Galeguista (0,11%) pechan a lista.
Pero unha análise máis pormenorizada destes resultados electorais na Boa Vila revelan que os populares de Alfonso Rueda foron o partido máis apoiado no 85% das 106 mesas electorais nas que os pontevedreses depositamos o noso voto.
O PP foi a primeira forza en 90 das mesas electorais da cidade, mentres que o BNG de Ana Pontón, representado en Pontevedra por Luis Bará, foino nas outras 16.
Os maiores apoios para os populares, por encima do 50% dos votos, obtívoos nas dúas mesas do IES Sánchez Cantón, nunha do CEIP Froebel, en dous do CEIP Campolongo, nunha do CEIP Álvarez Limeses e en dous de Monte Porreiro.
No rural, superaron esa barreira en mesas de Lourizán, Bora, Verducido, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Cerponzóns, Lérez e Campañó. Nesta última, en dúas das súas tres mesas, seis de cada dez votos foron para o PP.
O BNG, pola súa banda, gañou nunha mesa do CEIP Froebel, noutra do Arquivo Provincial, en dúas do Recinto Feiral, nunha do CGTD, en dúas do IES Torrente Ballester, nunha do albergue de peregrinos, nunha do CEIP Manuel Vidal Portela ou en dúas no Gorgullón.
Optaron tamén polos nacionalistas nunha das mesas do centro social da Parda, noutra do colexio Sacro Corazón e, xa dentro do rural, nunha de Marcón, nunha de Ponte Sampaio e na da Canicouva, na que estivo por encima do 65% de todos os votos.
Os socialistas de José Ramón Gómez Besteiro non gañaron en ningunha das mesas electorais de Pontevedra e só superaron ao BNG, sendo segunda forza por detrás do PP, nunha mesa de Monte Porreiro.