"Como prefire que lle chamemos? Miguel Anxo? Lores? Lorix?"

Pontevedra
30 de setembro 2015

Cal é o marisco favorito do alcalde de Pontevedra? o seu electrodoméstico? o moble? o momento que máis lle gusta do día? Dous participantes no programa Hefesto logran resposta sorprendentes nesta entrevista de 13:38 minutos. A hefestización de Lores, na que fala da súa afección pola comida, a sesta e a Thermomix  

Captura de pantalla da entrevista dos participantes de Hefesto ao alcalde de Pontevedra
Captura de pantalla da entrevista dos participantes de Hefesto ao alcalde de Pontevedra / Programa Hefesto

          - "Ola, estamos aquí con Don Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra.

          - Boas tardes

          - Bos días

          - Como prefire que lle chamemos? Miguel Anxo? Lores? Lorix?"

Se quere saber a resposta, prema aquí ou vexa o seguinte vídeo:

Hefestizando a... LoresHoxe sae á luz unha nova edición de "Hefestizando a...". Nesta ocasión tivemos o pracer de...

Posted by Hefesto CasAzul on Luns, 28 de Setembro de 2015


Son 13:38 minutos de entrevista na que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sométese ao cuestionario de dous xornalistas incisivos. Os entrevistadores son dous participantes no programa Hefesto do Concello de Pontevedra para promover a integración de persoas con discapacidade, que fan áo rexedor preguntas que nunca antes se atreveron a facer traballadores dos medios de comunicación da cidade. Desde o nome polo que prefire que lle chamen (Miguel, por certo) ata o seu marisco favorito (gústalle a ostra, o "marisco que máis sabe a mar", pero é intolerante).

Os entrevistadores pídenlle que responda "o primeiro que lle veña á cabeza" e el chega a dicir que non lle gusta o caviar porque é un marisco "de río" ou que a lamprea está "sobrevalorada", pero tamén conseguen confesións como a súa afección á máquina Thermomix, coa que fai gazpacho ou marmitaco en apenas 4 minutos, e que lle gusta a tortilla con cebola, allo e... leite

Tras un repaso pola actualidade deportiva ou a confesión de que non lle gustan as gabanzas porque "ten unha compoñente digamos machista que a min non me gusta en xeral", desvela que o seu moble máis querido é o sofá e o seu momento máis desexado do día, a sestaComo remate (non revelamos o resto, para que gocen do 'interrogatorio'), ponse unha camiseta cun só brazo "para que saiba como se sente nun día normal unha persoa con discapacidade". Lograrao? Quizais si, pois o fai despois de 13 minutos de hefestización