A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés vén de implantar a última fase do proxecto de Intelixencia Artificial para informar os estudos radiolóxicos simples, coa incorporación dun software informático nos diagnósticos das placas de tórax.
O proxecto baséase nun algoritmo que estuda a imaxe ante a sospeita diagnóstica de fractura, luxación ou derrame.
A súa posta en marcha arrancou o pasado 20 de xuño no ámbito músculo-esquelético e unhas semanas máis tarde, a finais de setembro, continuou coa inclusión das radiografías de columna dorsal e lumbar.
Esta ferramenta de apoio ao diagnóstico dos facultativos realizou xa preto de 37.000 estudos radiolóxicos, dos que algo máis de 29.000 corresponderon a informes de placas de fracturas e uns 7.600 foron de tórax.
Como é o seu funcionamento? Basicamente, en cuestión de poucos minutos, o profesional pode visualizar na pantalla do seu ordenador en consulta a imaxe radiolóxica orixinal, unha copia coa patoloxía resaltada nun recadro (que pode ser "normal", "dúbida" ou "patolóxica"), e unha breve suxerencia diagnóstica.
Os algoritmos informáticos están adestrados previamente en milleiros de imaxes con lesións e o que fan é buscar e comparar nesa inxente base de datos de xeito inmediato.
O resultado ten un valor preditivo negativo superior ao 99%, o que quere dicir que descartan cun alto nivel de fiabilidade as probas negativas ante sospeita de fracturas, luxacións e derrames.
No caso último das placas simples de tórax, o algoritmo detecta a ausencia de patoloxías coma consolidacións pulmonares, derrame pleural, edema pulmonar agudo, nódulos pulmonares, cardiomegalia, e fracturas da grella costal.
Dende o servizo de Radiodiagnóstico da área sanitaria, a especialista Iria Couto Rodríguez insiste en que o resultado obtido da Intelixencia Artificial debe ser interpretado coma unha "aproximación diagnóstica", sempre dando prioridade á entrevista e exploración directa do paciente e tendo en conta as limitacións destas técnicas radiolóxicas, polo que aquelas probas radiolóxicas positivas, dubidosas ou non avaliables son estudadas posteriormente polos facultativos especialistas en Radioloxía.
"Ao final é o médico quen ten a última palabra, xa que moitas veces o que a Intelixencia Artificial indica como ‘normal’ non concorda coa clínica do paciente, se ten dor, por exemplo.
OS DO TÓRAX, ESTUDOS ALGO MÁIS COMPLEXOS
En canto as imaxes de tórax, a doutora Couto indica que no servizo de Radiodignóstico están recibindo máis chamadas do resto de facultativos de Pontevedra e O Salnés para aclarar dúbidas, posto que as valoracións son algo máis complexas ao detectar o algoritmo máis órganos e tecidos e, polo tanto, diversas patoloxías.