O Parque de La Marjal está situado nunha zona urbana de Alacante. Trátase dun parque inundable que foi desenvolvido en 2023 por Augas de Alacante e o concello da cidade e constitúe unha infraestrutura verde que ten como principal obxectivo amortecer os efectos das inundacións que afectan cada ano á cidade levantina.
Seguindo este exemplo pioneiro implementáronse con éxito este tipo de solucións en distintos lugares e agora o Concello de Pontevedra tamén se apunta á idea.
O goberno local recupera así a proposta do PSOE local para acabar coas inundacións na rúa Pai Fernando Olmedo mediante lagoas artificiais inundables en Valdecorvos e ao mesmo tempo transformar a senda en parque.
Nunha rolda de prensa celebrada este martes, o concelleiro socialista Iván Puentes cifrou en 700.000 euros o custo desta actuación, que no anterior mandato foi deseñada en colaboración coa Universidade de Vigo.
A razón fundamental das inundacións en Fernando Olmedo é que esta rúa e toda a zona do CGTD está construída sobre unha xunqueira que era a zona de inundación natural do río cando se daba a situación de fortes choivas en pouco tempo, que fan que un regato moi pequeniño baixe e creza de caudal de maneira moi repentina.
Se isto coincide co río Lérez alto, o Valdecorvos, que antes alagaba onde está o estadio e que agora desemboca canalizado, ten un tapón, que é a auga do río Lérez, e alaga a zona máis baixa que atopa, que é precisamente a rúa Pai Fernando Olmedo.
A proposta consiste en crear unhas lagoas artificiais, na área verde existente ao redor da actual senda de Valdecorvos, que asumirán e reterán o incremento de auga en momentos de alto caudal.
O proxecto xa fora remitido en marzo do ano 2022 a Augas de Galicia e estaba en fase de autorización pero no actual mandato o goberno local do BNG "meteuno nun caixón", até agora.
O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, acaba de recuperar esta proposta como unha alternativa que permitirá controlar as crecidas do arroio de Valdecorvos mediante a creación de dúas lagoas artificiais interconectadas que asumirán e reterán o incremento de auga en momentos de alto caudal.
Serán até 9.000 metros cúbicos de auga (profundidade de 1,5 metros).
Iván Puentes aplaudiu que o goberno local vola apostar por esta actuación que está incluída no Plan de Prevención de Inundacións de Augas de Galicia 2021-2027 e resulta ademais asumible a nivel económico sendo susceptible de ser financiada na súa integridade con fondos europeos.
LORES REXEITA FACER BALSAS DE RETENCIÓN PERMANENTE
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, pronunciábase este mércores sobre esta situación na Rúa Fernando Olmedo indicando que hai que facer estudos previos para tomar unha decisión definitiva.
Lembrou que estas inundacións están perfectamente documentadas no informe de Enxeñería onde se recolle que "se fixeron cousas que non se deberían facer en 1900" sinalando que se acometeu un recheo dunha xunqueira e "agora estamos pagando as consecuencias".
Lores considera que a mellor solución podería ser unha combinación das dúas ou tres propostas recollidas pero que a el non lle gustaría "facer balsas de retención permanente".
Afirma que esa opción sería perigosa y que entende que a retención debería durar só mentres a marea estea alta e non desauguen os tubos existentes.
O alcalde sinalou que se fixeron obras durante os últimos anos e cada vez os episodios de inundacións na rúa son menores insistindo, en todo caso, en que se trata dun "problema gordo".