Unha comitiva de 300 persoas acompañará aos Reis Magos na cabalgata de Poio o luns 6

Poio
02 de xaneiro 2025
Actualizado: 12:42

O domingo 5 a ruta Real percorrerá as Aldeas de Nadal e todas as parroquias de Poio, para rematar na carpa Poio Máxico. O luns 6 a cabalgata partirá da contorna da Seca ás 18.00 horas

Reunión de organización da cabalgata de Poio
Reunión de organización da cabalgata de Poio / Concello de Poio

O Nadal de Poio terá o luns 6 de xaneiro a súa última cita coa poboación, unha cabalgata dos Reis Magos moi participativa na zona da Seca. 

As Súas Maxestades de Oriente protagonizarán unha cabalgata na que estarán acompañados de preto de trescentas persoas. 

Na comitiva participan todas as asociacións de nais e pais dos colexios de Poio e membros das comparsas e grupos locais: 100Tolos, As Sonecas, Os Canecos e o Grupo de Entroido de Samieira.

Este ano terá novo percorrido. O alcalde, Ángel Moldes, mantivo unha reunión de organización con representantes das anpas e das comparsas que participan na cabalgata, e sinalou que o cambio de percorrido deste ano con respecto ao do ano pasado débese a que desde a DGT non autorizan o corte da PO-308 porque xera importantes retencións e repercusións na mobilidade.

Formada por catro carrozas, sairán a partir das 18.00 horas desde o camiño da Fábrica para percorrer a cuarta travesía da Seara ata chegar á Reiboa, onde está situada a carpa Poio Máxico.

Alí, haberá unha festa final de Bulelandia coa música, baile e animación de Javi Solla e Tere.

Os Reis Magos chegarán a Poio o domingo 5 para percorrer as rúas do municipio. Ás 11.00 horas sairán desde Casal de Ferreirós para visitar O Bao, A Caeira, A Barca, Porteliña e, posteriormente, percorrer cada unha das Aldeas de Nadal.

Xa pola tarde, a comitiva sairá ás 16.00 horas desde o Palacete de Besada para achegarse ata San Xoán, Combarro, Samieira e Raxó e saudar a grandes e pequenos.

Rematarán a xornada cunha parada na carpa Poio Máxico, na Seca, a partir das 19.00 horas, onde se lles fará unha recepción real.