Comité de empresa de Ence: "A decisión da Audiencia Nacional está tomada, só teñen que facela pública"

Pontevedra
08 de xullo 2021

O secretario do comité de empresa de Ence-Pontevedra manifestaba, durante a habitual concentración ante a Subdelegación do Goberno, que os traballadores sospeitan que os encontros que están a manter diferentes administracións implicadas débense a que a Audiencia Nacional xa adoptou unha resolución

Concentración do comité de empresa de Ence-Pontevedra e traballadores da pasteira
Concentración do comité de empresa de Ence-Pontevedra e traballadores da pasteira / Cristina Saiz

O comité de empresa de Ence-Pontevedra concentrábase, xunto a unha ampla representación de traballadores, este xoves ás portas da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, dentro da serie de accións que, de modo periódico, están a convocar.

Só a inminente resolución da Audiencia Nacional, en relación ao recurso presentado polo Concello de Pontevedra, a Asociación para a Defensa da Ría (APDR) e a asociación ecoloxista Greenpeace, podería facer variar este calendario de mobilizacións.

Dado o atraso que acumula o anuncio desta resolución, e ante a sospeita de encontros entre diferentes administracións implicadas, desde o comité de empresa manifestan a súa crenza en que "se non hai ningunha comunicación de que se volven a reunir, é quea decisión está tomada, só teñen que facela pública".

Son palabras de Pablo Bacariza, o secretario do comité de empresa representado maioritariamente polo sindicato CIG, que exerceu de portavoz desta concentración, debido á ausencia do presidente, Antonio Lafuente, por motivos persoais.

Bacariza manifesta o malestar de todo o persoal porque entre os propios traballadores hai informacións de que se están producindo contactos entre a dirección da empresa e o Goberno central "a raiz das recentes declaracións do delegado do Goberno". Por este motivo, "solicitamos unha reunión por escrito ao delegado do Goberno para que nos aclare esta situación, pero de momento non tivemos resposta, por eso facemos esta concentración", aclara o secretario do comité de empresa.

Á espera de que o representante do Goberno central en Galicia, José Miñones, acceda á a reunión demandada, Bacariza anuncia que a próxima semana comezarán unha rolda de reunións coa dirección de Ence, aínda sen concretar con que interlocutores, para preguntarlles "se están mantendo eses contactos e en que sentido son".

Dáse a circunstancia de que mentres se producía a mobilización dos traballadores de Ence fronte á Subdelegación do Goberno, no interior estaba a manterse unha reunión da Comisión Provincial de Seguridade Vial, con ampla presenza de autoridades. Por este motivo, os traballadores víronse sorprendidos polo amplo despregamento de axentes da Policía Nacional que custodiaban o perímetro do edificio. Bacariza insiste en que a súa concentración xa levaba tempo convocada e que esta coincidencia ata pode ser positiva para que as súas demandas cheguen a máis colectivos.

Na pancarta reivindicativa, baixo o lema "Pola garantía e futuro dous nosos postos de traballo", non había ningunha mención expresa a Ence, pero  Bacariza insiste na defensa da empresa e, de non ser posible a súa permanencia en Lourizán, apoiar o traslado.

"O peche non é unha posibilidade que esté enriba da mesa para o comité de empresa, o peche sería unha hecatombe para todos, por eso temos que apostar de se a sentencia é negativa, haxa un traslado. Eu non me quero ir ao paro e os meus compañeiros tampouco", finalizaba o secretario do comité de empresa.