A petición dun ano de cárcere por parte da fiscalía ao empregado de Ence acusado de atentado contra a autoridade tras os altercados ocorridos en marzo durante a protesta dos traballadores da fábrica no Concello na que increparon ao alcalde motivou a reacción do sindicato Comisións Obreiras. A agrupación defenderá ao traballador nos xulgados e anuncia unha campaña informativa nas súas mobilizacións para demostrar a inocencia Ramiro Cedeira, a única persoa axuizada tras o ocorrido aquela xornada.
O secretario de organización do sindicato, Jose Luís García Pedrosa, mostrou este venres a súa incredulidade pola acusación e alega que a mobilización dos traballadores non interrompeu en ningún momento a actividade do Concello. "Non houbo ningunha actuación delituosa", asegura o representante dos traballadores, quen si recoñece que se proferiron cánticos contra a figura do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e tamén patadas ao seu vehículo.
"Só queren presentar aos traballadores de Ence como violentos", denuncia Pedrosa, quen adianta que o sindicato presentará un recurso de apelación contra esta acusación ao entender que non se produciu ningún tipo de delito. Así mesmo, a institución levará a cabo nas futuras mobilizacións unha campaña informativa co obxectivo de denunciar a "represión laboral" que, ao seu parecer, está a levar a cabo o Concello.
Pola súa banda, o traballador ao que a Fiscalía reclama un ano de prisión, un ano de inhabilitación a sufraxio pasivo, unha multa de 1.400 euros e a cargar coas costas do proceso xudicial alega que o único que fixo e seguirá facendo é "defender ou meu posto de traballo". Engade Ramiro Cedeira que " non fixen nada nin maltratei a niguén. Estou amolado porque parece que son un delincuente" e asegura que seguirá participando nos actos de Comisións Obreiras en defensa do emprego.
O empregado centra a súa defensa en que o coche do rexedor non sufriu ningún dano e en que o delito de atentado contra a autoridade non pode aplicárselle só a el cando se trata dunha protesta colectiva.
A presidenta do comité de empresa de oficinas centrais da fábrica, Ana Cedeira, posicionouse tamén a favor do traballador e declarou que esta denuncia "demostra a calidade humana do alcalde, que é o único culpable desta situación".
Doutra banda, a representante dos traballadores sinalou que a adscrición dos terreos que ocupa a factoría ao Porto de Marín é a "única solución" para asegurar a continuidade da pasteira en Lourizán.