O secretario xeral da Unión Comarcal de Comisións Obreiras de Pontevedra José Ramón Piñeiro anunciou que convocará aos traballadores de Parque de Maquinaria e da Imprenta provincial para "defender os servizos que prestan" xa que está convencido de que "a verdadeira intención do goberno da Deputación é desmantelar e privatizar" estas instalacións.
Segundo Piñeiro "trátase dunha decisión tomada desde o principio polo actual equipo de goberno como unha das condicións do pacto PSOE-BNG para gobernar a Deputación".
Desde Comisións Obreiras citan como "evidencias" desta "intención de desmantelar e privatizar" o "desinterese" en consolidar os postos de traballo a través dos procesos de estabilización do emprego dun bo número de traballadores do Parque, ou que a administración provincial non pedira unha nova concesión senón que solicite unha prórroga de tres anos ao departamento estatal de Costas polos terreos do Parque de Maquinaria e a Imprenta, situados en dominio público marítimo terrestre na Xunqueira de Alba.
Finalmente José Ramón Piñeiro reprochou ao goberno provincial que "teñan tomada unha decisión unilateral de ordeno e mando, moi prexudicial para os cidadáns polo incremento do gasto que isto supón, ao privatizar servizos esenciais da Deputación".