Comisións Obreiras (CCOO) protagonizou en solitario unha mobilización polas rúas de Pontevedra que concluíu diante da oficina da Cámara de Comercio, na rúa Rosalía de Castro, para reclamar a redución da xornada laboral a 37 horas e media sen redución de salario.
Este sindicato considera que chegou a hora de encarar definitivamente a negociación entre Goberno, sindicatos e patronal para reducir a xornada laboral de maneira progresiva, a 38,5 horas semanais ata o 31 de decembro de 2025; e ás 37,5 horas á semana, a partir de 2026.
Insisten desde Comisións Obreiras nos beneficios desta medida que "non vai afectar nin a arruinar ás empresas", ao contrario, sosteñen que "aumentará a produtividade, porque os traballadores estarán descansados, traballando menos horas, pero producindo máis", argumentou Jose Luis García Pedrosa, secretario de organización comarcal de CCOO.
Pedrosa relaciona esta idea coas actuais cifras de absentismo laboral que mellorarían ao "coidar máis aos traballadores" porque, no caso de Galicia, "non hai un problema de absentismo, hai un problema de saúde laboral", concluíu o representante de Comisións.
A Mesa de Diálogo Social volverá reunirse o próximo 11 de outubro para ver as propostas que expoñen desde a patronal ao plan de acompañamento ás empresas, ‘Plan Peme 375’. Ao mesmo tempo espéranse melloras no rexistro horario e medidas que reforcen a desconexión dixital dos traballadores.
O Partido Popular tamén abriu a porta a un apoio á redución das horas de traballo semanais tras propoñer Alberto Núñez Feijóo unha rebaixa da semana laboral de catro días, aínda que cunha subida das horas de traballo diarias entre as 9 e as 9,5 horas.
Pola súa banda, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz prometeu cumprir o seu compromiso de recortar en 2025 a 37,5 horas a pesar do complicado que está lograr o apoio da patronal e do Congreso para levalo a cabo.
"Evidentemente estamos a tentar que esta medida se tome por consenso", sinalou Pedrosa, pero de non ser posible insta o Executivo que preside Pedro Sánchez a que "adopte esta medida que forma parte do Pacto de Goberno".
Aínda que este calendario de protestas que arrincou hoxe foi acordado de maneira conxunta, entre CCOO e UXT, o enfrontamento entre ambas as forzas sindicais a nivel local impediu que compartan mobilizacións.