Comisións Obreiras condena a "represión sindical" do BNG tras a súa protesta no mitin de Ana Pontón

Pontevedra
22 de setembro 2016

O secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, asegurou que a Policía Local recibiu orde do Goberno Municipal de Pontevedra de presentar denuncia contra o responsable da Sección Sindical de Comisións Obreiras na Deputación, José Ramón Piñeiro e contra o presidente do Comité de empresa de Elnosa, Avelino García

Protesta de traballadores de Elnosa e o Parque de Maquinaria no mitin do BNG
Protesta de traballadores de Elnosa e o Parque de Maquinaria no mitin do BNG / Mónica Patxot

O secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, asegurou que a Policía Local recibiu orde do Goberno Municipal de Pontevedra de presentar denuncia contra o responsable da Sección Sindical de Comisións Obreiras na Deputación, José Ramón Piñeiro e contra o presidente do Comité de empresa de Elnosa, Avelino García.

Segundo apunta García Pedrosa denunciouse a protesta realizada por funcionarios do Parque de Maquinaria da Deputación e traballadores da empresa Elnosa no mitin da candidata á presidencia da Xunta polo BNG, Ana Pontón, do pasado 19 de setembro na Praza do Teucro de Pontevedra.

Na protesta participaron unha trintena de persoas que fixeron soar bucinas e chifres atrasando o acto político ata que foron desaloxadas sen que fora necesario empregar a forza, por axentes da Policía Local e da Policía Nacional, ao non solicitar permiso para poder desenvolver esta concentración.

O Secretario Comarcal de Comisións Obreiras apunta que estamos ante "un exemplo da instrumentalización partidaria do concello de Pontevedra polo BNG en defensa dos seus interesas" e acusa o goberno local de "utilizar a vía da represión" para tratar de resolver estes dous conflitos.

García Pedrosa condena estás "prácticas antidemocráticas" que ao seu xuízo emprega o Bloque e conclúe que Comisións Obreiras "nin será cómplice nin servirá de aval para prácticas represivas e caciquiis".