Á luz dos investimentos que presenta o anteproxecto de orzamentos de 2017 da Xunta de Galicia, o sindicato Comisións Obreiras augura os "peores presaxios" para o "pequeno gran Montecelo".
Rafael Vázquez, portavoz de CC.OO. sinalou a "falta de concreción" nas contas da Xunta respecto da ampliación de Montecelo, ao que se destina unha partida para 2017 de 1.080.000 de euros. Este sindicato denuncia "o incumprimento dos prazos iniciais de licitación" e da promesa de participación de profesionais sanitarios e sindicatos na elaboración do Plan Funcional.
Desde Comisións Obreiras temen que a ampliación de Montecelo siga a "aposta decidida polos modelos privatizadores que tentan levar adiante" desde o Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo. Entre outros motivos, Rafael Vázquez argumenta que "a inclusión dun 'hoteliño' entre as infraestruturas do 'Pequeno gran Montecelo' fai tamén augurar os peores presaxios e que a aposta vai cara ao modelo Alcira".
"A día de hoxe podemos dicir que se Pontevedra non se mobiliza non terá o Hospital que necesita e merece", declarou Rafael Vázquez.
Entre estas críticas Comisións Obreiras inclúe que o conselleiro de Sanidade "non se atreve a aplicar a Lei de incompatibilidades mantendo á Consellería de Sanidade na total ilegalidade" e que siga mantendo os concertos coas aseguradoras privadas para a asistencia sanitaria e algúns dos seus funcionarios.
Por este motivo CC.OO. criticou ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, por "eludir con artimañas" aos representantes dos traballadores ao acudir a Pontevedra para inaugurar as obras do Servizo de Psiquiatría despois do incendio que "mostrou a precariedade das instalacións".
Finalmente desde Comisións Obreiras esixen "o cesamento da actual xerencia, pois ten demostrada a súa incapacidade para o diálogo cos profesionais e os sindicatos", solicitando o nomeamento de "alguén capacitado para encarar unha etapa de transición que parece que vai ser difícil".