Comisións Obreiras acusa á Deputación de converter o Parque de Maquinaria nun "depósito de chatarra"

Pontevedra
16 de xaneiro 2020

O secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Ramón Piñeiro ve no anuncio do traslado do Parque de Maquinaria para rexenerar a Xunqueira de Alba "a conclusión dunha promesa persoal de Mosquera en contra dos traballadores"

Parque de Maquinaria
Parque de Maquinaria / PontevedraViva

O secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Ramón Piñeiro ve no anuncio do traslado do Parque de Maquinaria para rexenerar a Xunqueira de Alba "a conclusión dunha promesa persoal de Mosquera en contra dos traballadores".

Despois de matizar que este sindicato está de acordo coa recuperación deste humidal, Comisións Obreiras sinala que está "en contra de que leve privatizado a maior parte deste servizo no anteriores catro anos, convertendo o actual Parque de Maquinaria nun depósito de chatarra".

José Ramón Piñeiro cre que a xestión Goberno provincial "provocou unhas situacións de caos para, deste xeito, introducir a privatización" o que, ao seu xuízo, significou multiplicar o gasto.

A día de hoxe, segundo sinalou, un grupo de traballadores xa se xubilou e a outros os destinaron a outros fins e  o persoal condutor que queda "téñeno totalmente discriminado en canto a medios para a realización do seu traballo".

A Sección Sindical de CC. OO.  quere saber se as novas instalacións que vai facer a Deputación no Polígono de Barro van ser "para un servizo privado" xa que das oito brigadas existentes "temos a información de que a Deputación se quere desfacer de dúas". E en tres meses 24 traballadores finalizan o seu contrato.

Finalmente, Comisións Obreiras pide coñecer o proxecto das novas instalacións "para ver en realidade si é un verdadeiro Parque de Maquinaria ou un galpón para gardar coches".