O sindicato Comisións Obreiras a través do seu secretario comarcal, José Luis García Pedrosa e do presidente da xunta de persoal, José Ramón Piñeiro manifestaron sentirse decepcionados co novo equipo de goberno da Deputación pola ausencia de diálogo. O sindicato maioritario na Deputación sinala que presentaron 59 propostas para os máis de 600 funcionarios e para os máis de 300 traballadores de persoal laboral, que foron rexeitadas desde a institución provincial.
José Ramón Piñeiro sinalou que o equipo de goberno négase a modificar o catálogo de traballo no que existen diferenzas retributivas entre persoas que realizan o mesmo traballo e que non se contou cos xefes de servizo para elaborar os informes preceptivos para elaborar o orzamento. Piñeiro afirma que se están amortizando as prazas do Parque de Maquinaria, pasando de oito a tres postos de traballo e se teme que desde a Deputación se está a fomentar o gasto con empresas privadas en lugar de realizar os traballos a través dos recursos propios da institución.
En relación coas peticións de traslado do Parque de Maquinaria, o representante sindical sinalou que é necesario que a Deputación cre unha infraestrutura para recolocalo no polígono de Barro-Meis. E ao mesmo tempo, pide un convenio de colaboración coa Xunta, Concellos e a propia Deputación para que se revitalice a actividade na Cidade Infantil Príncipe Felipe. Sinalan que se está rexistrando un descenso do número de menores e por iso reclaman que se abra un Centro de Semana para nenos que asistan entre o luns e o venres e que se sume ao Centro de Día e o Internado.
José Luis García Pedrosa engadiu que se está producindo unha regresión de moitos anos dentro do goberno provincial e sinalou que "non se daba dende Rajoy unha actitude tan chulesca".
Ante esta situación, a asesoría xurídica deste sindicato está a estudar a opción de impugnar os orzamentos provinciais baseándose na falta de diálogo.
Ademais, desde Comisións Obreiras apuntan que tampouco existe diálogo entre o PSOE e o BNG a pesar do "feeling" que tentan mostrar nos actos públicos.